A industria cárnica debería ser a primeira interesada na moratoria ás macrogranxas na Limia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xinzo de Limia, 10 de outubro de 2025.- O Goberno galego e os partidos políticos levan 40 anos asumindo a teoría do desenvolvemento de que TODO VALE con tal de favorecer o agronegocio.

Mais a poboación da Limia xa se fartou. Non imos sufrir máis as consecuencias deste modelo. Non aceptamos como normal o ter que comprar auga embotellada mentres as Administración consenten en que empresas privadas contaminen as augas sen consecuencia ningunha para elas.

Xa NON TODO VALE. A concienciación sobre a problemática medrou. A industria, os granxeiros e os agricultores, no punto de mira, están tamén a percibilo. As Administracións parece que inda non… Mais se avanzamos nesa asunción de que non todo vale, empezarán (xa empezaron?) a mudar as malas prácticas.


1. M O R A T O R I A

As Administracións cumpriron a súa ameaza e recorreron a sentenza do TSXG.

As mesmas Administracións seguen procrastinando sen avanzar medidas: nin declaración de zona vulnerábel nin estudo sanitario da poboación da Limia.

Insistimos: as augas da Limia constitúen un perigo para a saúde humana (xa non está en cuestión) e a orixe do problema é a contaminación das augas polo vertido masivo de residuos da industria gandeira (xa non está en cuestión). Pero as Administracións son coma elefantes ou grandes transatlánticos, cústalles moito cambiar o rumbo. MAIS NON HAI OUTRA OPCIÓN.

Mentres, veciñas e veciños continuamos a padecer os impactos. ATÉ HOXE NINGUÉN PUXO REMEDIO A NADA.

Urxe frear o incremento do volume de residuos para empezar a controlar a contaminación a partir deste punto insostíbel para a saúde das augas e das persoas.

A MORATORIA TEN CUSTE CERO PARA A INDUSTRIA E GRANXEIROS

A MORATORIA TEN CUSTE CERO PARA A ADMINISTRACIÓN E OS PARTIDOS QUE GOBERNAN OU ASPIRAN A GOBERNARE a moratoria tería un efecto inmediato ao sentar as bases para EMPEZAR a solucionar o problema da contaminación das augas e da saúde das persoas.

É UN PRINCIPIO DE SOLUCIÓN REAL.
2. N O N    P E R D E R    M Á I S    T E M P O

Non podemos seguir esperando por unhas Administracións que non se saben que rumbo tomar. O problema non vai desaparecer mentres seguimos cruzados de brazos. Queremos que algo se mova a favor do sentido común.

Se a Administración non reacciona, agricultores e gandeiros teñen que reaccionar.

O discurso dos partidos políticos que gobernan ou fan oposición enxertados nesas Administracións apunta leves cambios. Tomemos o último pleno na Deputación Provincial. O BNG empeza a asumir o marco da situación de alerta de saúde pública. O PSOE fai un exercicio de autocrítica. “Todas as Administracións fallaron, absolutamente todas”, dixo a nova deputada socialista Marina Vaz despois de declararse ecoloxista.

E desde o MEL estamos de acordo con ela.

Mais ampliamos a diagnose: TODAS AS ADMINISTRACIÓNS FALLARON E CONTINÚAN A FALLAR. Todas, tamén OS CONCELLOS que se libraron sen razón de saír sentenciados polo TSXG.

A sentenza do TSXG tivo polo menos un efecto nos discursos até hoxe ocos: xa non se pon en cuestión a dimensión da ameaza nin as responsabilidades públicas e privadas.

Administracións e partidos deixaron pasar demasiado tempo sen recoñecer o problema. E nesas seguen atascados como elefantes transatlánticos.

O que non podemos é perder máis tempo en demostrar evidencias que están dabondo documentadas. Ese xa non é o noso debate. Queremos que algo se mova xa cara un novo rumbo.

3. Z O N A   V U L N E R Á B E L

O partido do goberno aplica a prepotencia e desde a oposición aplican a condescendencia fronte as alertas ecoloxistas, científicas e mesmo xudiciais. E fronte aos poderes reais, domínaos o medo. Será por iso que non se fala nas institucións da orixe da contaminación?

Acaso non se atreven á declarar a ZONA VULNERÁBEL por medo. Ao mellor resulta que o medo non ten fundamento.

Quen se vai opoñer a que todos poidamos beber un vaso de auga limpa?
Pregunten e escoiten á xente, actores principais incluídos.

No MEL confiamos en que agricultores e gandeiros estean XA virando tamén cara ese novo rumbo a través da aplicación dos xurros na cantidade e momento precisos.

No MEL confiamos en que a industria estea XA eliminando explotacións obsoletas, que as Administracións non autoricen ampliacións nin novas macrogranxas, que as balsas de almacenamento de xurro estean a ampliar a súa capacidade e mellorar a calidade para evitar as filtracións, e que a conciencia sobre as boas prácticas creza entre agricultores e granxeiros.

ESE FOI E SEGUE SENDO O NOSO OBXECTIVO.
Se isto empeza a acontecer, para ter completa e efectiva a declaración de zona vulnerábel só faltaría implementar o obrigatorio CÓDIGO DE BOAS PRÁCTICAS para agricultores, cultivadores de cereal e de patacas.

Declarar a Zona Vulnerábel é facer oficial o que estaría empezando a acontecer xa.  
Porque a xente, todas e todos, queremos os nosos ríos vivos, a nosa terra fértil, as nosas augas limpas e saudábeis. E temos aprendido durante xeracións que coidar os solos e as augas é condición de supervivencia.
M.E.L (Movemento Ecoloxista da Limia)

M.E.L (Movemento Ecoloxista da Limia)

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------