O presidente provincial, Luis Menor, e os catro voceiros das formacións políticas con representación na Deputación (Patricia Torres do PP; Álvaro Vila do PSOE; Bernardo Varela do BNG e Rafael Martínez de DO), acordaron habilitar a dirección mesa.provincial.incendios@depourense.gal na que se poderán remitir propostas desde este luns día 13 ata o venres 31 de outubro
Unha vez recibidas as propostas, abrirase un proceso de participación activo para que poidan tomar parte os seus propoñentes na Mesa Provincial de Incendios
Ourense, 11 de outubro de 2025.
A Mesa Provincial de Incendios, constituída o pasado 10 de setembro en cumprimento do acordo plenario da Deputación do pasado 27 de agosto, xa está a dar pasos para garantir a operatividade e eficiencia nas súas reunións de traballo.
Así, o presidente provincial, Luis Menor, e os catro voceiros integrantes desta Mesa Provincial de Incendios (Patricia Torres do PP; Álvaro Vila do PSOE; Bernardo Varela do BNG e Rafael Martínez de DO) acordaron habilitar unha dirección de correo electrónico (mesa.provincial.incendios@depourense.gal) para que todos aqueles cidadáns, colectivos, organizacións, asociacións e corpos profesionais dedicados á prevención e extinción de incendios, teñan a posibilidade de remitir as súas propostas concretas nesta materia. Unha vez recibidas as propostas, abrirase un proceso de participación activo para que poidan tomar parte os seus propoñentes na Mesa Provincial de Incendios.
O obxectivo coas propostas será poder analizalas, debatilas e, se procede, aprobalas dentro da Mesa Provincial de Incendios, incorporándoas ás conclusións deste órgano de traballo que as remitirá, á súa vez, ás administracións competentes para a súa posta en funcionamento.
O prazo para a presentación de propostas mediante correo electrónico abrirase este luns día 13 e finalizará o venres 31 de outubro. A extensión máxima das mesmas será de dous folios e o propósito será presentalas na reunión da Mesa Provincial de Incendios que está programada para o mes de novembro.