Gabriel Alén subliñou o esforzo nos cursos de información para desempregados do sector da automoción.

  • O delegado territorial subliñou que a Consellería de Emprego e Igualdade concedeulle nas dúas últimas convocatorias 16 cursos de formación para desempregados que sumaron un total de 6.914 horas lectivas e supuxeron unha achega de máis de 662.000 euros
  • As disciplinas impartidas nestas accións van desde operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos ata o mantemento do motor e os seus sistemas auxiliares
  • Os Orzamentos da Consellería de Emprego e Igualdade para este ano destinan 117 millóns de euros, para adecuar a formación e capacidades do talento galego á demanda real das empresas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá á sede da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos (ATAVE) para manter un encontro con membros da súa directiva, que a día de hoxe, representa a máis de 400 asociados.

Gabriel Alén transmitiulle ao presidente, Ricardo Borrajo, e aos profesionais que forman parte desta organización o apoio da Xunta ao sector da automoción, ao mesmo tempo que lle anunciou que o Goberno galego vén de fixar novos retos para mellorar a formación para o emprego.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial subliñou que a Consellería de Emprego e Igualdade concedeulle nas dúas últimas convocatorias 16 cursos de formación para desempregados que sumaron un total de 6.914 horas lectivas e supuxeron unha achega de 662.485 euros. As disciplinas impartidas nestas accións van desde operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos ata o mantemento do motor e os seus sistemas auxiliares.

Tras interesarse pola acción formativa, “-Mantemento de elementos non estruturais de carrocerías de vehículos-”, en execución na actualidade, Gabriel Alén trasladoulle aos empresarios da asociación que a formación seguirá sendo “un eixo importante das políticas activas de emprego para dar respostas ás necesidades do noso tecido produtivo”.

Deste xeito, explicou que os Orzamentos da Consellería de Emprego e Igualdade para este ano destinan 117 millóns de euros, para adecuar a formación e capacidades do talento galego á demanda real das empresas. Ademais dos cursos de formación, obradoiros e lanzadeiras de emprego e unha nova convocatoria para o recoñecemento da competencia profesional, modernizarase a Rede Pública de Centros de Formación. Ademais, cómpre subliñar que os obradoiros de emprego a partir de agora durarán un ano e que aqueles programas formativos con maior inserción laboral terán prioridade na valoración.

Entrevista