O Carballiño e a Gripe. Unha Historia Para Lembrar

Xosé L. Sobrado Pérez Historiador . Presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas da Comarca do Carballiño

Artigo : ” O CARBALLIÑO E A GRIPE. UNHA HISTORIA PARA LEMBRAR “

AVANTAR ACTIVIDADES

É, este ano 2020, un ano cunha significación especial para a historia da medicina mundial pola presenza dunha epidemia xa a nivel mundial dunha variante de gripe provocada polo coronavirus con orixe na China, en tanto que hai un século producíanse uns acontecementos deste tipo que foron dunha importante transcendencia para a poboación destas terras do Carballiño, onde se deixaron sentir as duras pegadas traídas pola temible e terrible epidemia chamada Gripe española, aínda hoxe na lembranza de moitos dos seus habitantes.

Nun contexto socio-económico alterado ese anos por crises e protestas sociais, o verán comeza con problemas graves no aspecto sanitario coa aparición na parroquia de Feás, Boborás, duns casos de carbuncho (enfermidade infecciosa producida por unha bacteria en cabras e vacas que produce ántrax, podendo ser mortal en moitos casos) que provocan varias mortes no lugar de Vilachá e que se estende á veciña freguesía de Albarellos onde, no lugar de Sobredo, cobra dúas vítimas máis e culmina coa posterior detención do carniceiro que vendeu a carne contaminada. As autoridades sanitarias tratan de atallar este brote epidémico que se controla no mes de agosto.

Pero o peor aínda está por chegar. Así, a chamada gripe española  -non naceu en España pero recibe este nome por ser España o primeiro país en facerse eco deste grave problema- foi o fenómeno fóra das dúas guerras vividas en Europa que máis mortes causou entre os anos de 1918 e 1920, chegando a aniquilar a un total de máis de 40 millóns de persoas no mundo, das que unhas 300.000 morreron en España.

A situación nestas terras e as da contorna do Carballiño tivo aspectos de drama, dándose o caso de familias que perderon en días ata catro dos seus membros. O mes de setembro do ano 18, convértese nun mes negro para a historia local e comarcal despois de pasadas unhas festas patronais nas que tiveron como actuación estelar á Banda de música do Regimiento Zaragoza, de Santiago de Compostela. Como dicimos, rematados os festexos aparecen os primeiros casos da epidemia que comezan por Boborás onde morren dous veciños da localidade e un cidadán portugués ó que consideran primeiro portador da enfermidade. Poucos días despois, o alcalde do Carballiño anuncia a morte doutras dúas persoas infectadas e o aumento de afectados. No caso da cidade de Ourense, a finais dese mes de setembro, contabilízanse un total de 723 casos e 3 mortos.

No mes de outubro, a enfermidade segue aumentando e hai máis mortes polo que o Gobernador civil prohibe a asistencia de público ós enterros e as visitas ás casas dos falecidos. Suspéndense as festas e as feiras. Pasada a primeira semana de outubro, o Diario de Pontevedra anuncia que no Carballiño morren cada día por causa da enfermidade un total de 10 a 12 persoas polo que o alcalde solicita axuda ó Gobernador por que non atopa desinfectantes ó tempo que confirma que dende o día 1 ó 10 do citado mes, producíronse un total de 29 mortos e máis de 300 infectados no territorio municipal. A mediados de mes, concretamente o día 16, a xunta de sanidade de Ourense declara oficialmente a epidemia na capital, Ribadavia e O Carballiño. Por eses mesmos días, en Maside hai uns 600 infectados. O día 18, iníciase unha subscrición popular para axudar ós afectados do Carballiño, mentres que en Ribadavia a colectividade desa vila na Arxentina envía 2.000 pesetas para o socorro dos necesitados da capital do Ribeiro. Chegados ó día 20, a prensa fala de 5 mortos en Maside, 20 en Cenlle, 11 en Osmo e 14 no Carballiño, dándose o caso de que no Carballiño -con 800 infectados-, Dacón e O Irixo péchase o servizo telegráfico porque os responsables do mesmo están enfermos pola epidemia. Neste último lugar, a propia enfermidade do médico deixa sen asistencia a 800 afectados e hai nese día 5 mortos. En Maside hai oficialmente 600 enfermos e, no caso de Barbantes, a epidemia resulta tan  virulenta que deriva en varios casos de tolemia. Tan só unha semana despois, no concello masidao o número de casos chega ós 1.000 e nas veciñas terras de Lalín prohíbense as festas dos Dolores pola situación de alarma vivida. En Cea o contaxio aumenta e en Boborás faino moi rapidamente, mentres que en San Amaro cóntanse 80 afectados dos que 8 considéranse graves dos que, días despois, falecen 3. No caso de Boborás, presta gran axuda ós afectados o seu coñecido e adiñeirado veciño Perfectino Viéitez que, segundo a prensa da época, “ha tomado á su exclusivo cargo el socorro diariamente á todos los enfermos necesitados de su parroquia ( a de Xuvencos).

No mes de novembro, o panorama parece mellorar e ofrécense ó público os datos do mes de outubro correspondentes ó concello do Carballiño, mes no que se contabilizaron un total de 146 mortes, cando a media mensual era de 14 defuncións. Aparte deste negro panorama, os veciños viven a carencia de medicamentos e de alimentos, o que aínda empeora máis a dramática situación.

Esta dura e paupérrima realidade sanitaria vaise manter aínda uns meses máis ata que, de vagar, vai remitindo polo que, chegados ó mes de maio do ano 1919, só quedan na provincia de Ourense en estado epidémico declarado os concellos de Maside, Rubiá e Lobeira. Neste ano 1919, nas veciñas terras do concello de Lalín contabilízanse un total de 9.000 enfermos e, por se a desgraza non fose pequena, unha vaga de xeadas moi fortes acaba coa colleita de viño no Ribeiro e na área do Carballiño polo que a Irmandá Rexionalista reclama ó goberno “una acción eficaz y persistente a remediar en lo posible el enorme daño sufrido por los labradores de las comarcas perjudicadas. Nunca como ahora está indicada una petición colectiva a los Poderes públicos y una muestra de humanidad”.

Nos meses sucesivos, a epidemia vai devecendo en toda a xeografía galega despois do seu cruel paso por esta comarca que irase recuperando emocionalmente deste terrible suceso ata quedar case esquecida no recordo. Foi, este, un desgraciado episodio que marcou fondamente a historia sanitaria destas terras e a memoria colectiva de varias xeracións durante moitos anos.