Unha traballadora resultou ferida onte ao caer por un barranco no Barco, e hai un mes outro traballador faleceu en Vilamartín de Valdeorras
O Barco de Valdeorras, 14 de outubro de 2025.
A Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG de Ourense denuncia que as condicións de precariedade que padecen a maioría da persoas traballadoras do sector da lousa están a disparar os accidentes laborais. Onte mesmo unha empregada de Canteras Fernández SA (Cafersa) resultou ferida tras caer por un barranco de máis de 10 metros de desnivel, mentres que un traballador dunha louseira de Vilamartín de Valdeorras faleceu hai pouco máis dun mes tras precipitarse por unha escombreira coa escavadora que manexaba.
Dende a central sindical sinalan que estas condicións laborais “nefastas” nun sector que xa ten a xornada máxima autorizada e no que a maiores se fan horas extraordinaria de forma diaria provocan un maior perigo de accidentes por falta de descanso. “A isto hai que sumarlle o alto número de persoas traballadoras afectadas de silicose como consecuencia de longos períodos de exposición ao po de sílice, provocando que se disparen as estatísticas de sinistralidade ou o que o empresariado denomina erroneamente absentismo laboral”.
Sen ir máis lonxe, onte mesmo unha traballadora de Canteras Fernández que se dirixía no autobús da empresa a unha nave do grupo Castrelos dedicada a transformación da lousa en Casaio resultou ferida e tivo que ser trasladada en ambulancia tras caer por un desnivel de máis de 10 metros. O suceso rexistrouse despois de que o vehículo recollese as persoas empregadas en Sobradelo como cada día. “O persoal detectou un cheiro a queimado, pero aínda así o autobús proseguiu co seu percorrido habitual; mais medio quilómetro antes de chegar ao centro de traballo o vehículo parouse, ordeado baixar as persoas ocupantes e indicándolles que continuasen a pé até as instalacións da empresa”.
Na CIG consideran que se tratou dunha decisión temeraria tendo en conta o perigo que supoñía o feito de que fosen as 6:40 horas, polo tanto aínda de noite e con escasa visibilidade. “Ademais do risco inherente de transitar por unha estrada sen beiravía, con numeroso tráfico de camións, autobuses doutras empresas e coches particulares que acoden ao traballo”.
Como consecuencia deste cúmulo de circunstancias unha das traballadoras da empresa caeu por un barranco de máis de 10 metros de desnivel, resultando ferida e trasladada en ambulancia despois dun dificultoso rescate debido ás malas condicións do terreo. “E hai pouco máis dun mes un traballador dunha louseira de Vilamartín de Valdeorras faleceu ao precipitarse por unha escombreira coa escavadora que conducía mentres facía horas extraordinarias en sábado, nunha empresa na que é habitual acumular entre catro e seis horas extras ao día”.