Amplo seguimento na primeira xornada de folga por un convenio digno no siderometal ourensán. Tamén no Carballiño

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Unha multitudinaria manifestación percorreu ao mediodía a cidade. Para hoxe xoves día 16 hai previsto un novo paro de 24 horas

Ourense, 15 de outubro de 2025.

Máis do 70% do persoal do siderometal ourensán secundou hoxe a primeira xornada de folga convocada para reclamar unhas condicións de traballo dignas ante o bloqueo da negociación do convenio colectivo provincial por parte do empresariado, que insiste en propostas regresivas que contemplan unha suba salarial insuficiente e un aumento da xornada. Coincidindo cun paro que volverá a repetirse mañá, unha multitudinaria manifestación percorreu ao mediodía o traxecto entre a Casa Sindical e a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

A folga xa se deixou sentir no día de onte ao inicio da quenda de noite, con numerosos piquetes informativos percorrendo os principais polígonos industriais. Pero xa partir das 5:00 horas de hoxe foise sumando cada vez máis xente, confirmando o éxito dun paro que paralizou algunhas das empresas máis importantes do sector, mentres que outras tiveron moitos problemas para manter a actividade pola falta de persoal.

De igual xeito, a partir do mediodía centos e centos de persoas traballadoras desprazáronse até o centro de Ourense para participar na manifestación entre a Casa Sindical e a sede da CEO ao berro de “Convenio digno para o siderometal” e “Convenio solución”.

Dende a CIG-Industria lembran que para mañá hai convocada outra xornada de folga, ademais dunha nova manifestación dende a Casa Sindical até a CEO ás 12:00 horas. Ao tempo que adiantaron que o sector non dubidará en levar adiante novos paros no caso de que a patronal non se sente a negociar e atenda as demandas da parte social. Neste senso, comentaron que o xerente da empresa Rodríguez López, que fai parte da mesa de negociación, trasladoulles hoxe a súa intención de facer o posible para intentar desbloquear as conversas.

A central sindical acusa o empresariado de buscar a confrontación como na anterior negociación do convenio coas súas propostas, polo que a parte social, nun intento de desbloquear as conversas, achegou unha contraoferta o pasado 8 de xullo que non foi respondida até o 1 de setembro. Na súa resposta a patronal remítese á proposta do 21 de maio, que contempla un convenio a tres anos (2025, 2026 e 2027) cunha suba salarial total do 7,5% máis unhas pequenas cantidades dun plus de asistencia nos dous últimos anos. “Non queremos plus de asistencia efectiva, o que queremos é incremento do salario base e carencia de incentivos”.

En canto á actualización de soldos, o empresariado pretende que a cláusula IPC se aplique se a suma do IPC dos tres anos supera o 9,5%. Neste caso a actualización a táboas sería dun máximo de tres puntos. Ademais, propón un día máis de traballo anual que en 2024.

As centrais, pola súa banda, apostan por un convenio a dous anos cun incremento de soldos de 100 euros ao mes en 2025 e da mesma cantidade en 2026, así como pola actualización anual a IPC real sen topes. E por unha xornada anual de 1712 horas.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------