O Consello da Xunta abordou esta mañá un informe no que se detalla o nivel de desenvolvemento do Plan de Infraestruturas de atención primaria para a provincia de Ourense. Nos proxectos que o Executivo galego ten en marcha ten previsto investir máis de 30 millóns de euros.
Neste novo Plan inclúese entre as súas actuacións máis próximas a construción do novo Centro Integral de Saúde do Carballiño, que se emprazará no espazo da antiga estación de autobuses. Nestes intres, atópase pendente de adscrición da parcela da actual estación de autobuses, que xa conta co visto bó da Dirección Xeral de Urbanismo, para usos sanitarios e así poder iniciar os trámites pertinentes. Unha vez realizado este trámite, a Xunta procederá á licitación da redacción do proxecto, que se prevé elaborar o vindeiro ano, e cuxa construción contará cun investimento de preto de 10 millóns de euros. Neste caso, o Executivo ten previsto construír un novo centro de 4.500 metros cadrados que disporá dun total de 22 consultas que se distribuirán entre as diferentes especialidades asistenciais.
Entre os inmobles sanitarios que a Xunta está a construír na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o Centro Integral de Saúde de Ourense destaca como a actuación máis ambiciosa dentro do seu primeiro nivel asistencial, ao estar previsto un investimento de 14 millóns de euros na súa construción. O proxecto, que neste intres está a ser supervisado, permitirá concentrar nun mesmo edificio os servizos de atención primaria ordinarios, a atención sanitaria urxente (PAC) e tamén determinados servizos especializados.
Pola súa banda, o centro de saúde da Rúa é o que se atopa máis avanzado a nivel construtivo, tras botar a andar as obras o pasado mes de xaneiro. Neste caso, e tras un investimento de case 2,9 millóns de euros, as novas instalacións disporán de 3 consultas de medicina xeral, 3 consultas de enfermería, 1 consulta de docencia, 3 salas polivalentes, 1 de odontoloxía e 1 sala de técnicas. Así mesmo, contará cunha área destinada á atención pediátrica, unha sala de lactancia e unha área específica para a saúde da muller.
O Concello de Muíños tamén contará cunha nova infraestrutura sanitaria tras a recente adxudicación das obras do seu novo centro de saúde. Así, e tras consignar un investimento de 1,3 millóns de euros, a Xunta erguerá un inmoble de 460 m2 que posibilitará contar cunha área asistencial dotada cunha consulta de medicina, unha consulta de enfermería e unha consulta polivalente ou de respiratorios. A previsión é poder iniciar a súa construción o vindeiro mes de novembro.
Nesta mesma situación atópase o novo centro de saúde de Boborás, cuxas obras acaban tamén de ser adxudicadas co obxectivo de inicialas tamén neste ano. A Xunta destina un investimento de 1,9 millóns de euros para a súa construción. Unha vez concluído o novo centro, os veciños de Boborás terán á súa disposición un centro de saúde co que se mellorará a calidade asistencial ao estar proxectada unha área clínica con 2 consultas de medicina, 2 de enfermería, 1 consulta da área da muller e 2 salas de tipo polivalente.
A folla de ruta deseñada para as infraestruturas sanitarias de atención primaria da provincia de Ourense complétase co estudo de parcelas onde se emprazarán os futuros centros de saúde de Allariz, Montederramo, Viana do Bolo e de Mariñamansa, na cidade das Burgas.A Xunta segue a impulsar unha ambiciosa estratexia de renovación das infraestruturas sanitarias co obxectivo de ofrecerlle á cidadanía uns servizos asistenciais de máxima calidade, con instalacións modernas, accesibles e dotadas con equipamento de última xeración.