Presas: “os orzamentos 2026 son o día da marmota: promesas pendentes de execución e ignorar a crise de incendios”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Acusa ao Partido Popular de “abandonar Ourense: nin xestión pública do CAPD, nin novos centros de saúde, nin novas residencias de maiores; máis promesas dun Plan Director sen executar e promesas repetidas sen avances como o CIS, o edificio administrativo ou o acceso vial ao CHUO que xa tiñan que estar feitos”

Ourense 20/10/2026. A deputada nacionalista por Ourense e portavoz de Facenda no Parlamento Galego avanzou unha primeira valoración do Proxecto de Orzamentos para 2026 que a Xunta vén de remitir ao Parlamento Galego para a súa tramitación.

Presas afirma que “estes orzamentos son o día da marmota para Ourense. Por unha banda, o goberno galego ignora que as comarcas de Ourense foron as máis afectadas pola grande crise de incendios de 2025 e as partidas que destina de forma específica son insuficientes para a rexeneración, débense a fondos europeos e non a un esforzo propio e non se anticipa un cambio de modelo para a prevención e a extinción”.

Así mesmo “estes orzamentos son o día da marmota en materia de servizos públicos cun claro abandono para Ourense. Por unha parte en materia sanitaria non se aposta pola construción dun só centro de saúde para a cidade, como o tan demandado e necesario do Vinteún, nin se aposta por especialidades novas parao CHUO como a unidade de xeriatría ou ictus, vemos millóns de euros para o Plan Director cando sabemos que fracasa na súa execución: o mellor exemplo que o novo edificio de especialidades non avance e que o Materno non estea aínda derrubado nin aparezan nestes orzamentos partidas específicas para facelo despois dos graves derrubes de 2025”.

Para o grupo nacionalista “estes orzamentos amosan a folla de ruta do Partido Popular para abandonar os servizos públicos de Ourense: nin xestión pública do CAPD nin novas residencias de maiores; máis promesas dun Plan Director sen executar e promesas repetidas sen avances como o CIS que Lugo, Lalín e Vigo xa teñen ou o edificio administrativo absolutamente paralizado que se levan repetindo un lustro”

Para o BNG é “especialmente grave que coa crise que experimenta Ourense en materia termal e en materia industrial un ano máis son dous ámbitos desatendidos pola Xunta” e insistiu en en xeral o orzamento global ten “un incremento insuficiente nun contexto de suba do IPC porque apenas sobe un 2%, mentres a inflación medrou un 2,7% en 2024 e o dato galego máis recente sitúase no 2,9%. Isto significa  que temos uns orzamentos que en realidade están recortados”, recalcou.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------