Amigos e achegados a Emilio Nogueira Fariñas, ex presidente do Centro Partido de Carballiño en Buenos Aires organizan unha misa na igrexa da Vera Cruz, o venres ás 7 da tarde.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Emilio Nogueira Fariñas, falecido en Buenos Aires nos primeiros días do mes de setembro, foi durante anos o timón que guiou o centro de reunión e unión dos emigrados da comarca do Carballiño á capital da Arxentina. Home de carácter afable, bo conversador, desprendido, home emprendedor e amante da súa terra, volvía sempre que podía a visitar a familiares e ós moitos amigos que tiña no Carballiño. Da súa parroquia natal de Cangues saíu moi novo -15 anos- e, coma moitos outros mozos da súa xeración, escolleu a Arxentina como destino onde intentar mellorar as escasas -por non dicir nulas- esperanzas e perspectivas de futuro que aqueles duros anos da posguerra ofrecían.

Con sacrificios e esforzos, Emilio Nogueira foise abrindo camiño na cidade porteña onde tiña a parte da súa familia e veciños. Tardou ata cumprir os 40 anos en volver á súa parroquia por temor a ser xulgado por non ter feito o servizo militar e lembraba como sentía ó lonxe a morriña que mataba xuntándose con conveciños e amigos naquel centro do que sería despois presidente, concretamente dende o ano 2012. Para Buenos Aires levou a irmáns e á súa nai o que posibilitou unha maior comodidade vital nunha cidade na que xa estaba plenamente integrado

Precisamente, no seu mandato, no ano 2018 co gallo do centenario do centro carballiñés recibía na propia sede da entidade en Vicente López a calor dos asociados e autoridades nun acto memorable que congregou a moitos comarcanos carballiñeses dun e outro lado do Atlántico e, posteriormente na Casa de Galicia, o Premio da Ourensanía que lle entregaba o daquela Presidente da Deputación, José Manuel Baltar.

No seu goberno, Emilio Nogueira combinou a longa tradición da entidade na celebración de festas e actos que lembraban as daqueles lugares de onde saíran os asociados (romarías, bailes, músicas…) coa súa preocupación de ver como aqueles mozos saídos destas terras ían desaparecendo, devecían os socios -case 700 daquela- e a mocidade nacida nas terras bonaerenses non sentían esa necesidade de verse ou atoparse nese lugar. Foi a súa grande teima.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Home preocupado pola cultura e a educación, insistía no papel e na necesidade destes dous elementos na sociedade, tratando dende sempre que os seus fillos tiveran unha educación e formación que lles permitise desenvolverse como persoas e profesionais. Como empresario foi un home destacado, emprendedor e exitoso  no mundo da hostalería que recolleu os froitos do seu longo esforzo e dunha vida consagrada ó traballo.

Os seus amigos do Carballiño queren lembralo cun sinxelo pero sentido acto.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------