O Encontro Literario reúne este sábado no Carballiño a escritores e ‘influencers’ en mesas de debate

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do 8º Encontro Literario de Ourense, que na vindeira fin de semana reunirá no Carballiño a medio cento de escritores e influencers galegos e do resto do Estado. No acto de presentación participaron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e Lizzie Quintas e Cristin Ferro, responsables da organización.

Diego Fernández salientou que a programación desta actividade, que terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello ao longo de toda a xornada do vindeiro sábado, 25 de outubro, contempla “moito debate, confrontación, moito humor e moitas sorpresas” entre os participantes, “dos que preto do 70% é a primeira vez que acuden ao evento, e así teñen a oportunidade de coñecer O Carballiño”, apuntou Cristin Ferro.

Como xa é tradicional, a organización nomea unha madriña, que neste edición será Rocío Mañana Bouzón, máis coñecida como Lía GZ, unha escritora galega cuxas publicacións darán nome ás mesas de debate “Alma de cristal”, “Voy a cuidarte”, “Seis historias por contar”, que se celebrarán pola mañá, e “Un amor al compás” e “Renacer”, xa pola tarde.

A xornada comezará ás 9,00 horas e inclúe sorteos, xogos e un concurso sorpresa, ata o remate, previsto para as 20,30 horas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------
PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------