O Concello do Carballiño avanza na licitación dos proxectos de mellora das infraestruturas turísticas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) para O Carballiño, que ascende a un investimento total dun millón de euros, contempla unha serie de actuacións de mellora das infraestruturas básicas vencelladas aos recursos naturais e patrimonais que posúe o municipio.

O primeiro proxecto posto en marcha foi o correspondente á iluminación do templo e o adro da Veracruz, que foi redactado e dirixido por Audites e adxudicado á empresa Acelec Instalaciones Eléctricas cun investimento de 87.846 euros. Os traballos incluíuron a retirada da iluminación que discorría polo perímetro e cuberta do templo, eliminando tamén todo o cableado e substituíndo os 78 proxectores e as 11 luminarias existentes por 47 novos proxectores e 11 luminarias ambientais, todos eles con tecnoloxía LED de alto rendemento fabricados por Moonoff.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

A instalación dun novo sistema de alumeado terá continuidade na contorna da Praza Maior e da antiga igrexa parroquial, tal e como nos comenta o alcalde, Francisco Fumega. “Istes proxectos xa están na fase de licitación e en breve serán adxudicada a súa execución antes de finais do presente ano”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Así, entre outras actuacións, destacan a ampliación do paseo fluvial do Arenteiro dende a contorna da Ponte Veiga ata O Bañiño de Arcos, cun orzamento de 75.000 euros, e a reconstrucción do muíño e da maquinaria do futuro Museo do Papel de Galicia, cun investimento de 165.000 euros. Ademais, realizarase unha intervención de saneamento da masa forestal do Parque Municipal e contorna do río Arenteiro, cunha partida de 150.000 euros, mentres no camping municipal acometerase a instalación de sistemas de subministro con enerxía solar e de eficiencia térmica, con 145.000 euros, ademáis dos 60.000 euros que se destinarán ao proxecto de visibilización da actividade das pulpeiras.

Finalmente, estanse a investir 45.000 euros na creación dun produto turístico de base enogastronómica, coa colaboración da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, que tamén está en marcha baixo a denominación ‘Club de produto enogastronómico do Carballiño’. Esta iniciativa está pensada para potenciar o atractivo turístico non só do municipio carballiñés senón tamén da súa contorna xeográfica, así como salientar a excelencia dos seus produtos e a riqueza da oferta gastronómica, como o pan de Cea ou o viño da D.O. Ribeiro, un proceso no que están involucradas as empresas e os colectivos sociais.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------