O Auditorio da Casa da Cultura de Ribadavia acollerá o vindeiro domingo, 26 de outubro, ás 18,30 horas, unha completa xornada cultural que combina cinema, coloquio e música en directo, coa proxección da curta “8 Portas” e a actuación da artista Sara Gimeno. A entrada será libre ata completar aforo.
A sesión comezará coa proxección da curta “8 Portas”, unha produción de ficción ambientada nun mundo fantástico no que o Rei Crimson se reúne cos sete líderes dos oito reinos da Unión, coñecidos como as cabezas do rei, nun momento de crecente tensión política. Durante o consello, un dos líderes bebe da copa de viño destinada ao monarca e morre envenenado. Este feito confirma os peores temores de Crimson: alguén entre as cabezas planea asasinalo. A partir dese momento, o rei, xunto a Yester —o seu bufón e conselleiro— e á garda real, debe descubrir quen está detrás da conspiración antes de que sexa demasiado tarde.
Tras a proxección, celebrarase un coloquio co equipo da curta, no que o público poderá coñecer máis detalles sobre o proceso creativo, o guión e a posta en escena desta historia de intriga, poder e lealdades.
A velada completarase co concerto de Sara Gimeno, unha das artistas emerxentes máis destacadas do panorama galego actual. Formada en clarinete e canto, en 2024 iniciou o seu proxecto persoal, no que compón e interpreta as súas propias cancións, movéndose entre estilos como o soul, o RnB, o bolero ou a salsa, sempre desde unha perspectiva íntima e cargada de sensibilidade. Ese mesmo ano, Sara Gimeno foi gañadora do primeiro premio Xuventude Crea na modalidade de música, o que a levou a actuar xunto coa súa banda en festivais como Atardecer no Gaiás, Orballo Cultural ou o Festival de la Luz, consolidándose como unha nova voz a ter en conta.
Desde o Concello de Ribadavia destácase que esta actividade “forma parte do compromiso do municipio coa dinamización cultural e o apoio á creación galega”, ofrecendo unha programación diversa que combina o audiovisual, o debate e a música nun mesmo espazo.

















