O PSdeG-PSOE de Ourense continúa coa súas reunións orgánicas pola provincia, e desta vez as e os representantes socialistas mantiveron un encontro no Carballiño, no que se constituíu a coordinadora comarcal Ribeiro/O Carballiño, que estará dirixida por María Luz Roo Cabo, concelleira en Maside. En próximas datas visitarán O Ribeiro para manter tamén un encontro cos cargos orgánicos e municipais do partido nesta bisbarra.
Na xuntanza participaron o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo; o secretario de organización, Antonio González Fiuza; e a secretaria provincial de política municipal, Susana Rodríguez Estévez. A comarca estivo representada por cargos do partido nos municipios do Carballiño, Maside, Punxín, Boborás ou O Irixo.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Dende a Executiva Provincial salientan que a reunión “permitiunos coñecer as necesidades da comarca, os puntos sobre os que temos que incidir a nivel municipal e escoitar as suxestións dos cargos do partido nestes concellos”. Asemade tamén apuntan que o obxectivo detrás destes encontros “é por a funcionar a maquinaria do partido e axustar o engranaxe coa vista posta nas municipais do 2027”.
As e os socialistas apostan por reforzar o partido nunha comarca “clave” no desenvolvemento da provincia e na que buscarán “aumentar a representación nos municipios, obter novas alcaldía e, principalmente, formar as mellores candidaturas posibles para as eleccións do 27”. A Executiva Provincial considera “primordial percorrer o territorio, escoitar a nosa xente, traballar cóbado con cóbado con eles e comezar a mobilizar ás bases do partido, atraer novos militantes e xerar espazos para o diálogo e o debate, tanto coa veciñanza, como cos axentes sociais”.
En relación á comarca do Carballiño, actualmente gobernase no Carballiño e en Maside e cóntase con representación nos municipios de Punxín e Boborás. A meta marcada é manter ambas alcaldías e tentar sumar algunha nova, ademais de lograr representación en municipios como San Amaro, Piñor, San Cristovo de Cea, O Irixo ou Beariz.

















