O 8º Encontro Literario de Ourense (ELO) reuniu durante a xornada deste sábado a máis de 40 autores, blogueiros e influencers do panorama literario galego e de fóra da comunidade. As dúas organizadoras, Cristín Ferro e Lizzie Quintas, destacan a elevada participación do público, que se achegou ao salón de plenos do Concello ao longo do día para desfrutar da variada programación. O ELO non só incluíu charlas e presentacións, senón tamén xogos, sorteos e moitas sorpresas. “Este ano tivemos moitos autores e autoras noveis tanto galegos como doutras zonas de España como Barcelona ou Illas Baleares”, apunta Quintas, que espera que o evento siga medrando nas próximas edicións.
O ELO comezou coa mesa titulada Alma de cristal, na que participaron Clara Maio, Yoly Mosteiro, María Vila Tarela e Kohi Desu. A segunda mesa, titulada Voy a cuidarte, contou coa presenza de Antiliados, Magali R. Matar, Antía Martín e Rubén Benítez. En ambas mesas, máis alá de presentar as súas obras, os autores e autoras contaron anécdotas sobre os seus procesos creativos, e contestaron as preguntas e curiosidades do público. A mañá pechouse con Seis historias por contar, un encontro no que Andrea (@susurrosentrepaginas), Esther (@diasinmas9), Noelia (@noelautnerstory), Estefanía (@lady.sailor.romantasy) e Andrea (@farfa_letras) compartiron experiencias, novidades e reflexións sobre a escritura.
Xa pola tarde, a actividade retomouse coa mesa Un amor al compás, na que estiveron presentes Javier Romero, Nora Deis, José Incoherente, Noelia Márquez e Espe Villanueva. Esta última autora, do Carballiño, publicou recentemente a súa primeira novela, “Relaciones peligrosas”. Despois do debate, as organizadoras presentaron á madriña desta edición, Rocío Mañana Bouzón, tamén coñecida como Lía GZ. A escritora conta con numerosos libros publicados, tanto de poesía como de prosa poética e novela, sempre localizadas en Galicia. Durante o acto, a autora presentou a súa última obra publicada, “Renacer”.
A continuación, o público desfrutou dun concurso literario, seguido de xogos e sorteos. A última mesa, titulada Renacer, estivo protagonizada por Alexia MC, Elizabeth Normal, Lydia Chas e Zara Mist. O sorteo final, ás 20,25 horas, puxo o colofón da xornada literaria.
O evento contou co apoio do Concello do Carballiño e coa colaboración da editorial de autoedición Ediciones Arcanas, que un ano máis aposta por esta iniciativa cultural.

















