O novo GES de Maceda xa está operativo tras rematar o proceso de selección de efectivos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Xunta aposta pola colaboración cos concellos para garantir unha maior e mellor cobertura das emerxencias en Galicia e, por iso, a comunidade conta con 6 novos grupos, dous deles na provincia de Ourense, con sedes en Maceda e A Veiga. Para que estes grupos poidan funcionar deben impulsar procesos de selección para contratar os novos efectivos, que no caso de Maceda xa rematou e no resto está a piques de finalizar.

O GES de Maceda completou o procedemento despois de adherirse ao convenio de colaboración entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e as deputacións provincias e levar a cabo a selección dos seus 12 efectivos que xa finalizou coa formación impartida na Academia Galega de Seguridade Pública

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este grupo con sede no concello de Maceda permitirá mellorar os tempos de resposta aos municipios de Maceda, Xunqueira de Espadanedo e Baños de Molgas e, ao mesmo tempo, atender aos concellos de Esgos, Paderne de Allariz e Vilar de Barrio, que ata agora dependían do GES de O Pereiro de Aguiar. Ademais destes concellos, tamén atenderá as incidencias en Xunqueira de Ambía.

A provincia ourensá contará con outro novo GES con sede en A Veiga, que inclúe tamén aos municipios de O Bolo, Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

A Comisión de Seguimento dos GES, da que forman parte a Xunta, as deputacións e a FEGAMP, tamén aprobou crear na provincia de Pontevedra os GES de A Cañiza, A Lama e Mos/Redondela -este último con base en cada un dos dous municipios-, así como o servizo municipal no concello coruñés de Noia que xa leva operativo desde o pasado abril.

Con estas incorporacións a comunidade galega pasa a contar cun total de 29 GES e 4 servizos municipais. A creación dos novos grupos supón un incremento do investimento por parte da Xunta para o seu funcionamento en 300.000 euros, ata acadar os 4,8 millóns de euros, máis da metade do seu custo anual.

A Xunta aposta pola colaboración entre administración no ámbito das emerxencias para ofrecer unha atención máis áxil e eficiente aos cidadáns. Por iso, tamén mantén o seu compromiso con estes servizos a través da dotación de equipamento, con máis de 20 millóns de euros cedidos nos últimos anos aos concellos en material para os GES e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), así como coa formación dos seus efectivos desde a AGASP.

No caso do GES de Maceda, a Xunta colaborou ademais co concello en melloras na eficiencia enerxética nas instalacións do servizo de emerxencias e Protección Civil que acollerá a sede do grupo a través dunha axuda de 32.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------