A Xunta destina 10.597.196 euros á posta en marcha de 23 obradoiros duais de emprego que beneficiarán a 460 alumnas e alumnos de 57 concellos e catro mancomunidades (74 concellos en total) da provincia de Ourense. Así o anunciou esta mañá o delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, na súa visita en Beade á Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, onde tamén confirmou a concesión á devandita entidade do obradoiro de emprego ‘Ribeiro Ecosostible’, a piques de comezar a súa andaina.
Manuel Pardo estivo acompañado na súa visita polo presidente da Mancomunidade do Ribeiro e alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e os alcaldes de Arnoia, Rodrigo Aparicio; de Cenlle, Rebeca Sotelo, e o anfitrión, Fernando Taboada, rexedor de Beade.

O obradoiro de emprego ‘Ribeiro Ecosostible’
Este obradoiro, no que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vai investir 472.552 euros, formará a 20 alumnos-traballadores nos módulos de ‘Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’ e ‘Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas’; 10 alumnos/as-traballadores/as por módulo. Así mesmo, o alumnado participante percibirá cursos de formación transversal e complementaria relacionada con produción forestal, labores de poda, informática, busca de emprego, igualdade e prevención de riscos laborais.
Actuacións previstas
No concello da Arnoia, as actuacións principais proxectadas irán encamiñadas a traballos de silvicultura e acondicionamento de sendeiros en masas forestais no monte dos Chaos e ao acondicionamento de beirarrúas e humanización de espazos públicos no concello da Arnoia. No concello de Beade, traballarase na restauración do territorio afectado polo incendio no verán de 2025 e na humanización da praza da Picota. No concello de Cenlle levarase a cabo a humanización do entorno da Igrexa de San Benito de Cuñas e acondicionarase o lavadoiro de Pazos Ermos. No concello de Leiro, procederase ao acondicionamento da planta alta para vivenda social e rampla na antiga escola de Paredes e desenvolveranse traballos de conservación nos camiños de Trasouteiro – As Regueiras; Vilaverde-Paredes; Amidonda e Serantes-Valboa.
O delegado territorial destacou que Ourense é unha das provincias máis favorecidas da concesión dos novos obradoiros duais de emprego polo Goberno galego, da primeira convocatoria 2026-2027. Neste eido, recentemente publicouse unha segunda convocatoria no Diario Oficial de Galicia da que o prazo de solicitude está aberto ata o 26 de xuño. En total, con ambas, o Goberno galego prevé beneficiar un cento de proxectos e arredor de 2.000 persoas.
As catro mancomunidades adxudicatarias no marco da primeira convocatoria foron a Mancomunidade intermunicipal voluntaria Terra de Celanova, Mancomunidade voluntaria de municipios da comarca de Ourense, Mancomunidade de municipios da comarca de Verín e Mancomunidade intermunicipal da comarca do Ribeiro.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Os 57 concellos beneficiarios son os de A Bola, A Gudiña, A Merca, A Peroxa, A Rúa, A Teixeira, A Veiga, Amoeiro, Avión, Baltar, Beariz, Boborás, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Celanova, Coles, Cualedro, Gomesende, Larouco, Laza, Leiro, Manzaneda, Maside, Melón, Montederramo, Monterrei, O Barco de Valdeorras, O Bolo, O Carballiño, O Irixo, Oímbra, Os Blancos, Padrenda, Petín, Piñor, Porqueira, Punxín, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ribadavia, Riós, Rubiá, San Amaro, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilamartín, Vilardevós e Vilariño de Conso. Hai que ter en conta que dentro das mancomunidades hai concellos que están entre os beneficiados doutros obradoiros duais.















