A Xunta e o concello de Cenlle estudan a mellora da rede de abastecemento na parroquia de Laias

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa rexedora municipal

  • Ángeles Vázquez indica que o persoal técnico de Augas de Galicia analizou a documentación aportada polo Concello, e, a continuación, avaliaranse posibles vías de colaboración para acometer o seu financiamento
  • Augas de Galicia dedicará 7 de cada 10 euros do seu orzamento para 2026 a abastecemento e saneamento e case a metade, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2025.- A Xunta e o Concello de Cenlle estudarán fórmulas de colaboración para acometer a mellora da rede de abastecemento na parroquia de Laias, tal e como acordaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Rebeca Sotelo, nunha reunión que mantiveron recentemente.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Deste xeito, a conselleira indicoulle á rexedora que o persoal técnico de Augas de Galicia analizou a documentación aportada polo Concello, e, a continuación, avaliaranse posibles vías de colaboración para acometer o seu financiamento.

Cómpre lembrar que, aínda que a prestación deste servizo é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía, e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.

En global, o organismo hidráulico dedicará 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento —108,7 M€— e case a metade —73,6 M€—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.

Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas prestará unha atención especial á situación particular dos núcleos rurais, con investimentos que en 2026 suman 17,8 M€ —case un 40% máis que este ano— para dotar distintas áreas das catro provincias dos mellores servizos hidráulicos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos de poboación ou en zonas dispersas.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------