O PsdeG de Ourense insta á xunta a adoptar todas as medidas “necesarias” para a reactivación “urxente” e remanente das obras de construción do CAPD na cidade

IES CHAMOSO LAMAS

Os e as socialistas critican o “desleixo” de Feijóo con Ourense e resaltan que a provincia ourensá “é a única que non conta a día de hoxe cun Centro de Atención para Persoas con Discapacidade”

Alertan de que “corremos o risco de que esta obra quede totalmente abandonada” e sinalan que “o proxecto estrela da Xunta de Galicia para Ourense, estrelouse ante os incumprimentos do Partido Popular”

OFERTA DE TRABALLO EN AVIÓN

O PSdeG-PSOE de Ourense insta ao goberno galego a adoptar todas as medidas “necesarias” para a reactivación “urxente” e posterior remate das obras de construción no novo Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense. Os socialistas critican o “desleixo” de Alberto Núñez Feijóo e a Xunta de Galicia con Ourense e resaltan que a provincia ourensá “é a única que non conta a día de hoxe cun centro destas características e só nos atopamos con escusas de mal pagador por parte do goberno galego”.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, desprazouse esta tarde ata as inmediacións das obras do CAPD de Ourense, onde puido comprobar de primeira man, a situación de abandono que vive esta infraestrutura “clave” para o futuro da cidade. Estivo acompañado polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino; polas deputadas autonómicas Carmen Rodríguez Dacosta e Marina Ortega; pola secretaria municipal na cidade de Ourense, Natalia González; e por concelleiras e concelleiros socialistas. Un acto no que tamén estiveron presentes familiares das persoas con discapacidade que seguen agardando por un centro de “vital importancia”.

O grupo municipal socialista defenderá unha moción no pleno ordinario de mañá na que insta á Xunta de Galicia a reactivación das obras; a que se emita un informe técnico sobre os motivos polos cales as obras de construción do novo CAPD de Ourense, que deberían estar finalizadas neste mes de marzo de 2022, acumularon todas esas demoras que derivan agora na paralización “sine die” da nova infraestrutura; a que presente á maior brevidade un novo cronograma de actuacións para o remate da construción do novo CAPD de Ourense; a que garanta o seu compromiso económico para a execución e o remate completo das obras de construción do novo CAPD de Ourense no presente ano e posteriores exercicios de ser necesario; e a que se comprometa coa xestión pública e directa do futuro CAPD de Ourense.

O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que “mantemos o compromiso firme de seguir apoiando ás familias e reivindicar solucións nas distintas institucións, a través de iniciativas, debido a falta de información ao respecto e o abandono que sofren as familias por parte da Xunta de Galicia e do máximo responsable, o Partido Popular”. Os socialistas sinalan que “estamos ante un caso claro de deixación de funcións e un risco evidente de que esta nova dotación poida converterse noutra estrutura abandonada da nosa cidade”.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou que o PSdeG-PSOE “ten a sensibilidade suficiente para estar a carón da plataforma ProCAPD, familias que teñen un problema grave e que agardan que as administracións as acompañen”. O líder dos socialistas galegos tamén recalcou que este expediente “naceu moi mal, foi pouco dilixente na contratación, houbo malas prácticas no seguimento da execución e esta parálise demostra un desleixo total da Xunta cara Ourense”.

González Formoso tamén afirmou que este expediente “non pode tratarse coma unha concentración parcelaria ou como unha obra calquera, xa que estamos falando dunha obra sensible, na que hai moitas familias agardando e por elo estamos dispostos a que se trate de forma excepcional e que se axilicen o trámites”. Neste senso, o secretario xeral do PSdeG tamén sinalou que “se se require o voto do PSdeG para axilizar esta obra, o PSdeG garante o seu voto a favor para que se resolva canto antes e Ourense conte co seu Centro de Atención a Persoas con Discapacidade”.

A concelleira socialista, Concepción García Lozano, destacou que “este é unha demostración absoluta da discriminación ao que o goberno galego somete a nosa provincia” e lembrou que “levamos 6 anos de loita para que o CAPD, que xa existe nas outras provincias galegas, sexa tamén unha realidade en Ourense”. A edil socialista tamén apuntou que “foi gracias a sociedade que se reuniron 50.000 firmas e involucrámonos na loita a carón das persoas con discapacidade para defender os seus dereitos, para que conten cunhas instalacións dignas e que cubran as súas necesidades”.

García Lozano tamén subliñou que o presidente da Xunta en funcións, Núñez Feijóo e a conselleira de política social, Fabiola García, “viñeron con moitas promesas, que só se transformaban en decepcións polos continuos atrancos e incumprimentos aos que nos tiveron acostumados ao longo destes anos”. A edil do PSdeG-PSOE aproveitou para lembrar que “o proxecto estrela da Xunta para Ourense, estrelouse ante os incumprimentos do Partido Popular” e fixo fincapé en que “temos o perigo de que esta obra quede totalmente abandonada ante ineptitude da Xunta e acabe converténdose nun esqueleto baleiro”.

Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, criticou que a Xunta de Galicia “non lle están dando o pulo que precisa a un proxecto importante para a cidade” e fixo fincapé en que “dende que se creou a plataforma, o compromiso e a participación do PP foi practicamente nula”. O líder dos socialistas ourensáns tamén sinalou que “é vergoñento que Ourense non conte cun CAPD e é difícil de explicar como despois de tanto tempo, o goberno galego non sexa capaz de aclarar se o centro vai ter unha atención pública como reclamamos ou se se vai dedicar a facer negocio coas necesidades das persoas máis desfavorecidas”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense finalizou afirmando que os socialistas “loitaremos por darlle a Ourense a equidade que precisa con respecto ás demais provincias e estaremos a carón das persoas que máis o precisan”.

Por último, David Pérez, representante das familias da plataforma proCAPD remarcou “a necesidade e a urxencia social e sanitaria que ten este centro” e sinalou a “necesidade de que sexa de xestión pública”, antes de apuntar que esta situación “está afectando a calidade de vida das persoas, de todos estes nenos e nenas e das familias”. Pérez afirmou que “canto máis se dilate no tempo a súa posta en marcha, máis prexuízo vai traer e máis consecuencias negativas para o desenvolvemento destas persoas”. O representante da plataforma destacou por último que as familias “loitamos ao pé do canon e só estamos recibindo trabas e xustificacións sen pés nin cabeza, cando ao que aspiramos é a visibilizar a discapacidade, apoiala e traballar a prol destas persoas que teñen os mesmos dereitos que as demais”.