A Comisión de Asistencia ao Subdelegado fai balance da xestión dos organismos do Goberno

 O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu esta mañá a reunión da Comisión de Asistencia ao Subdelegado do Goberno na que se fixo balance da xestión dos organismos da Administración Xeral do Estado (AXE) na provincia de Ourense durante o primeiro semestre de 2021.

Publicidade

Na xuntanza, reflectiuse o esforzo que se está realizando dende as distintas unidades da AXE para facer fronte á xestión da pandemia a través da Administración, adaptándoa ás necesidades que emerxeron nunha situación excepcional provocada pola crise sanitaria.

O subdelegado do Goberno destacou que “durante todos estes meses o persoal das distintas áreas traballou intensamente para conseguir minimizar a obstrución dos asuntos ordinarios e, ao mesmo tempo, sacar adiante aqueles relacionados con axudas, trámites ou xestións derivadas da pandemia, demostrando unha excepcional profesionalidade”.

Durante a Comisión de Asistencia, os diferentes responsables deron a coñecer ao subdelegado un minucioso informe do acontecido nos primeiros seis meses do ano nos seus respectivos organismos.

Os responsables das distintas unidades sinalaron que a actividade presencial de prestación de servizos mantén o sistema de cita previa, o que permite xestionar adecuadamente a presenza de público nas distintas dependencias, sen prescindir das opcións de atención por correo electrónico ou por vía telefónica.

Ademais, púxose de manifesto o esforzo constante no proceso de innovación e de perfeccionamento dos canais dixitais para facilitar o acceso da cidadanía aos distintos servizos públicos.

Na reunión, participaron os responsables provinciais de Tráfico, da Demarcación de Estradas do Estado, do Servizo Público de Emprego Estatal, do Instituto Nacional e Tesourería da Seguridade Social, de Economía e Facenda, da Inspección de Telecomunicacións, do Instituto Nacional de Estatística, do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, da Avogacía do Estado e responsables das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.