Manuel Baltar valora na apertura de Gastrolimia a importancia do traballo cooperativo transfronteirizo para potenciar os recursos e as tradicións do territorio

IES CHAMOSO LAMAS

Na inauguración deste evento gastro-cultural, o presidente da Deputación chamou a intensificar as alianzas público-privadas para aproveitar as vantaxes competitivas da Alta Velocidade, o termalismo ou a identidade compartida a través da Raia e o idioma

Enmarcado dentro do proxecto Fronteira Esquecida, este evento visibiliza as tradicións culturais e gastronómicas arredor do río Limia-Lima apostando pola intensificación das sinerxías entre produtores e hostaleiros

En Gastrolimia interviron como relatores o profesor da USC Manuel Gago; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; os blogueiros gastronómicos Alfonso López e Duarte Calvâo e a xerente do Inorde, Emma González

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta mañá o evento transfronteirizo gastro-cultural Gastrolimia, celebrado no hotel balneario Lobios Caldaria. Unha xornada enmarcada no proxecto Fronteira Esquecida e que nace para visibilizar as tradicións culturais e gastronómicas arredor do río Limia-Lima, apostando pola intensificación das sinerxías entre produtores do sector agroalimentario e hostaleiros da Baixa Limia, A Limia e o norte de Portugal para potenciar os produtos do territorio.

Ante os relatores e invitados ao encontro, Manuel Baltar resaltou as novas vantaxes competitivas adquiridas coa chegada da Alta Velocidade -“esta conexión convírtenos no territorio mellor conectado de Galicia”- e como, dende a alianza público-privada débese traballar para poñer en valor as tradicións e os recursos propios, como o carácter transfronteirizo ou o termalismo. 

O evento contou coa presenza da alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, e os socios do proxecto Fronteira Esquecida: a dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o CIM Alto Minho e as cámaras municipais de Ponte da Barca, Ponte de Lima, Arcos de Valdevez e Viana do Castelo. Nesta xornada interviron, ademais de Manuel Baltar e a xerente do Inorde, Emma González -que pechou o acto-, o profesor da USC e director de culturagalega.gal, Manuel Gago; os blogueiros Alfonso López -“Recetas de Rechupete” e Duarte Calvão -“Mesa Marcada”- e a directora de Galicia Calidade, Ana Méndez. 

SPORTUR GALICIA 2022

Manuel Baltar aplaudiu a celebración deste encontro, “unha oportunidade magnífica para reflexionar en favor do territorio”, e agradeceu o traballo de Juan Rivas seleccionando aos relatores, “profesionais de referencia, que operan no territorio porque cren nel”. O presidente da Deputación valorou na súa intervención como a Raia Ourense e Portugal hoxe é “imaxinaria pero está na alma de todos”: “Ningunha provincia en España ten tantos quilómetros de fronteira con outro país como Ourense con Portugal (219 quilómetros). Temos que aproveitar este capital nun momento como este. A pertenza á Unión Europea deunos un pulo importante e dende a Deputación promovimos, por exemplo, a primeira Eurocidade (Chaves-Verín)”. Baltar lembrou as posibilidades abertas a través do programa “Turismo Intelixente”, “Raia Termal”, a presidencia de Partenalia ou o proxecto da Casa da Lusofonía en Ourense, e animou a seguir nesta liña: “Con proxectos intermunicipais que podemos sacar adiante. Cooperar é multiplicar, con recursos termais e turísticos”.  

Intervencións dos relatores da xornada Gastrolimia

Manuel Gago, director de CulturaGalega e profesor da USC, falou do impacto que tivo o Camiño de Santiago no turismo, facéndoo “interactivo” antes da chegada de Internet: “A xente empezou a peregrinar para participar nunha obra antiga”, e isto converteuse nun novo tipo de turismo no que os visitantes buscaban vivir unha historia e participar nun relato. Gago propuxo facer un turismo deseñado para que os visitantes sexan protagonistas do relato, por elo debemos pensar “nos territorios como historias para lograr experiencias máis ricas no mundo actual” e sinalou tamén a importancia de Álvaro Cunqueiro na gastronomía galega: “Marca un antes e un despois. El comeza a contar as as historias das receitas e nese momento a gastronomia galega converteuse en marca”.

Alfonso López, autor do blog “Recetas de rechupete”, sinalou as posibilidades abertas por Internet para traballar no rural e contou a súa experiencia con este negocio, que naceu como un pequeno blog de cociña e actualmente conta cun equipo de 31 persoas. López explicou que no ano 2009 o blog “Recetas de rechupete” requiriu dun investimento de 80 euros e despois de 14 anos, lograron unha facturación anual de 300.000 euros. Duarte Calvāo, prescritor gastronómico de referencia en Portugal e editor do blog “Mesa Marcada” contou a súa experiencia no foro. 

Pola súa banda, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, centrou a súa intervención no selo  “Galicia calidade”, afirmando que esta distinción é de “garantía, proporciona o significado de calidade que dan os produtos e servizos galegos”. Méndez explicou as directrices que deben cumprir as empresas que queren contar con este selo, insistindo que prima a calidade tanto en produtos como en servizos.

Emma González, xerente do Inorde, clausurou o encontro sinalando o traballo realizado pola Deputación de Ourense para crear o destino turístico: un proxecto con fitos como a posta en marcha da marca turística “OU”, que representa os recursos cabeceira do territorio ourensá e que simboliza “a autenticidade, o principal atractivo de Ourense”. Esta marca turística vai en coherencia coa estratexia de desenvolvemento turístico na que se está a traballar e que se viu reforzada coa chegada da Alta Velocidade, que converteu a Ourense no aeroporto terrestre de Galicia. Emma González expuxo o emprego do “geocaching” e de rutas temáticas no xeodestino Terra de Celanova-Serra do Xurés coma exemplos da aplicación das novas tecnoloxías para impulsar o turismo, innovando e atraendo a perfís de visitantes moi diferentes. 

Potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia – Lima

A Deputación de Ourense é a beneficiaria principal do proxecto Fronteira Esquecida, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, cuxo obxectivo principal é potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima, e a súa contorna, e en base a iso crear e desenvolver unha estrutura de xestión e promoción conxunta que potencie o aproveitamento turístico da zona.