Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

                                                        Avelino Muleiro

Seguimos na reunión da Sociedade Psicolóxica dos Mércores, celebrada o 29 de decembro na casa da Margarete Stonborough-Wittgenstein, irmá do filósofo vienés Ludwig Wittgenstein. Durante o receso, o anfitrión obsequiounos con café e coas típicas galletas de Nadal, as Vanillekipferl; uns -a gran maioría- degustou un Kleiner Schwarzer (café só) e outros tomamos un Melange (café con leite). En contra do que se podía presaxiar por como rematou esa primeira parte do debate, o ambiente era desenfadado e distendido. Despois dese descanso de media hora, o acto reanudouse de novo concedendo a palabra a C. G. Jung que pretendía introducir no debate ao psicanalista francés Jacques Marie Émile Lacan.

            Jacques Lacan, discípulo francés do doutor Freud, pretendeu substituír o complexo de Edipo polo estadio do espello -afirmou C. G. Jung-. O neno/a, entre os seis e dezaoito meses, complementa a súa imaxe física do corpo coa visión que capta de si mesmo no espello. Antes de verse no espello non coñecía a súa cara, nin os seus ollos… pero no espello ve o seu corpo completo, formando unha unidade coas partes do corpo que antes percibía, como son os brazos, as pernas, as mans…. A pesar desa visión unitaria na que se ve reflectido, o pequeno/a percibe unha imaxe súa que precisa ser corroborada pola súa nai, á que ve simultaneamente no espello e na realidade. É aí –di Jung– onde Lacan introduce o outro como garantía do eu que se está formando no neno/a. Ese eu vaise formando a partir dunha ilusión, a ilusión da súa imaxe no espello. Por iso, o neno/a non se recoñece en si mesmo, senón no outro, na súa propia imaxe do espello -que non é el- e na súa nai que lle está expresando que esa imaxe é el. Polo tanto, esa conciencia do eu é unha conciencia imaxinaria que non se corresponde coa realidade.  

Para Lacan nunca se pode coñecer a realidade, porque esta aparece enraizada na fantasía. Non hai, pois, diferenza entre realidade e fantasía. A única diferenza segundo Lacan reside entre o real, o simbólico e o imaxinario. O único que é diferente é o real, pero que non ten nada que ver coa realidade.

En conclusión, os mesmos seguidores de Freud discrepan da súa teoría sexualista representada polo complexo de Edipo nos nenos, ou de Electra nas nenas. Lacan deixa fóra a teoría pulsional freudiana e o concepto de represión para pasar a denominalos como o significante e o simbólico.

           Lacan explica que a psicose non radica, xa que logo, na represión sexual, senón nun rexeitamento dun significante fundamental, expulsado do universo simbólico do suxeito. Ese rexeitamento non está integrado no inconsciente, senón que o significante está forcluído, non inscrito no inconsciente. Esa non inscrición do significante no inconsciente é un mecanismo máis radical que o da represión. No caso da represión, adoita haber un retorno dos contidos reprimidos a través de diversas formacións do inconsciente (soños, lapsus, síntomas neuróticos), en cambio no caso da forclusión o retorno aparece en forma alucinatoria, onde o forcluído retorna no real.

            Unha das primeiras creacións forcluídas que aparece na psique do neno/a non é outra que a do pai. O rol paterno, na opinión de Lacan, queda rexeitado e expulsado do simbólico polo cal permanece no real, pero non é no real onde retorna e reaparece.

Esa forclusión do pai por parte do cativo/a ten lugar no eu (como je -en francés) en posición simbólica, pero non no eu (moi -en francés) no senso de como se percibe a si.

-Esas discrepancias valéronlle ao señor Lacan a expulsión da Asociación Psicoanalista Internacional, intervén Freud.

Como comprobamos na primeira parte do faladoiro, a reunión púxose complicada e tensa coas intervencións dos asistentes, e non parecía modificarse o sentido do debate despois da intervención de Jung. Por tal motivo, Wittgenstein iniciou esta segunda parte con estas palabras:   

-Retomemos o tema central do debate decatándonos de que para o doutor Freud a sexualidade é a raíz dos trastornos psíquicos, esencialmente das neuroses e das súas consecuencias, como pode ser o caso do suicidio. Con todo, eu percibo no método psicanalítico unha aproximación ao meu modo de entender nestes momentos a filosofía: como un método de análise conceptual e lingüístico. É unha forma de evidenciar o gran interese polo coñecemento a través das preguntas que se levan a cabo na linguaxe. Pois así como a filosofía permite clarificar as ideas que se encerran na linguaxe, algo parecido parece ocorrer coa terapia do “test de asociación de palabras” que utiliza o doutor Jung cos seus pacientes; e mesmo o señor Lacan, quen no momento de distinguir os tres rexistros da realidade humana (o simbólico, o imaxinario e o real), afirma que o simbólico ten que comezar a definirse a través da linguaxe.

Eu estou cambiando de parecer respecto á linguaxe lóxica -isomorfía- que defendo no Tractatus, para pasar a admitir múltiples formas de linguaxe que cualifico como xogos de linguaxe.

            Os ollos de Carl Gustav Jung brillaron cunha indescritible expresión de alegría despois de oír a intervención de Wittgenstein. En cambio, Freud, que non deu durante toda a mañá o menor signo de fatiga, pasouse a man pola fronte, como para arrincarse a vergoña que tiña na súa cabeza. E comezou intentando explicar as orixes e as razóns da súa aposta psicanalítica.

  Sigmund Freud e a súa muller Martha Bernays. Casa Museo de Sigmund Freud

-Véxome na obriga de explicarlles as orixes da miña teoría, que de forma avesa están criticando. Considero que resultou clave para o nacemento da psicanálise, afirma Freud, o feito de ser eu alumno de Jean Martín Charcot no hospital de Salpêtrière de París. Con Charcot familiariceime coas investigacións sobre a histeria e co seu método da hipnose que aplicaba para curalas. A través da hipnose podíanse inducir, suprimir ou modificar toda clase de síntomas que aparecían nos cadros histéricos. Iso supoñía que a etioloxía desa enfermidade non era orgánica, senón psicolóxica. As mulleres histéricas que eran sometidas á hipnose non lembraban o sucedido durante o trance hipnótico, aínda que a suxestión hipnótica seguía actuando nelas unha vez rematada a sesión.

De regreso a Viena coñecín ao doutor Joseph Breuer. Este aplicaba aos seus pacientes o método catártico que descrubira el mesmo, aínda que máis tarde o modificou para crear a psicanálise. O método catártico é unha técnica psicoterapéutica que tivo aplicación nos inicios da psicanálise e que consiste en provocar un efecto terapéutico a través da purga ou descarga de afectos patóxenos ligados a sucesos traumáticos a través da súa evocación.  Tras anos de experiencia clínica con Breuer, eu propuxen a teoría de que os síntomas histéricos e neuróticos tiñan como causa traumas reprimidos no insconsciente por considerarse moralmente inaceptables para o Eu (ego) do suxeito. Estes núcleos patolóxicos consisten nun ou varios sucesos de precoz experiencia sexual ocurridos na máis temperá infancia.  

A hipnose e a catarse de Breuer estaban enfocadas a reproducir os procesos psíquicos da situación na que se adquiriron os síntomas neuróticos para que se fixesen conscientes para o suxeito. Cando eses sucesos eran rememorados, buscábase a abreacción (a descarga de emocións e afectos ligados a experiencias infantís reprimidas por penosas ou dolorosas). Pero despois de utilizar estes dous métodos durante algún tempo decidín abandonalos porque non me sentía cómodo co método hipnótico ao considerar que non se podía utilizar en todos os casos; ademais, porque os pacientes sometidos á hipnose, despois dun período de recuperación, volvían ter os mesmos síntomas patolóxicos, polo que era necesario volver a repetir o tratamento. E, por outra parte, nalgúns casos o paciente opoñía resistencia en estado hinóptico a expresar as represións. Así que abandonei a focalización sobre un problema determinado e centreime na psique que o paciente presenta cada vez que eu intento aclarar as resistencias que ofrece para facerllas conscientes. E estou convencido que o detonante dese abandono da hipnose debeuse fundamentalmente ao caso de Anna O.

            (Otto Rank e Karl Abraham mostran un sorriso burlón despois de oír a alusión a Ana O.)

Anna O. -continuaba Freud– era o pseudónimo de Bertha Pappenheim, unha xudea de 21 anos que foi paciente de J. Breuer. Anna pasou a maioría do seu tempo coidando de seu pai enfermo. Mentres o coidaba, empezou a ter unha tose importante, pero que non tiña explicación física; logo empezou a ter dificultades para falar acabando nun mutismo completo, seguido de expresións só en inglés, en lugar da súa lingua natal que era o alemán. Cando seu pai faleceu, a paciente empezou a rexeitar a comida e desenvolveu unha serie estraña de síntomas: perda de sensibilidade nas mans e nos pés, parálises e espasmos involuntarios, alucinacións visuais e visións de túnel. Os médicos examinárona para estudar eses síntomas que parecían físicos, pero non atopaban ningunha causa física demostrable. Ademais, presentaba fantasías infantiloides, cambios dramáticos de humor e varios intentos de suicidio. O diagnóstico de Breuer foi: “histeria” (trastorno de conversión), que significaba que tiña síntomas que parecían físicos, pero que non o eran.

Anna O. (Bertha Pappenheim)

Durante as noites, Anna sumíase nuns estados de hipnose espontánea, en expresión de Breuer, aos que a propia paciente designou como nubes. Breuer decatouse de que a pesar deses estados de trance a paciente podía falar das súas fantasías diurnas e doutras experiencias, sentíndose mellor posteriormente. Anna chamou a eses episodios “limpeza de cheminea” e “cura pola palabra”. Nalgunhas ocasións, durante a “limpeza da cheminea”, Anna proporcionaba algúns datos que daban comprensión particular a algúns dos seus síntomas. O primeiro dato sucedeu xusto despois de negarse a tomar auga durante algún tempo; a razón era que lembraba ver a unha muller bebendo auga dun vaso no que un can bebera antes. Cando lembraba esa imaxe, desgustábase e sobrevíñalle unha sensación intensa de noxo. Pero, de inmediato, pediu un vaso de auga e púxose a beber! Noutras palabras, o seu síntoma (a hidrofobia) desaparecía axiña que se verbalizaba e sentía a sensación particular de noxo, é dicir, a base do síntoma. Breuer chamou catarse, “limpeza”, a estes estados de recuperación inmediata.

Once anos máis tarde, Breuer e mais eu, que era seu asistente, escribimos un libro sobre a histeria, onde explicabamos a teoría. Toda histeria é o resultado dunha experiencia traumática que non se acepta dentro dos valores e da comprensión do mundo dunha persoa. As emocións asociadas ao trauma non se expresan de maneira directa, senón que se evaporan: exprésanse a través da conduta de forma vaga e imprecisa. Por dicilo doutra maneira, estes síntomas teñen significado. Cando o paciente pode chegar a comprender a orixe dos seus síntomas, entón libéranse as emocións reprimidas, polo que non necesitan expresarse a través deles. Desta maneira, Anna foi pouco a pouco mellorando dos seus síntomas. Pero non podía facelo sen Breuer. Mentres Anna se atopaba nos seus estados hipnóticos, necesitaba ter as mans de Breuer con ela, e desafortunadamente xurdiron novos problemas.

(Alfred Adler e C. G. Jung mirábanse cómplices, mentres Otto Rank e Karl Abraham continuaban sorrindo).

Breuer -seguía explicando Freud- recoñeceu que a paciente se namorara del e ademais el tamén se sentía atraído por ela. A paciente comentáballe a todo o mundo que estaba embarazada de Breuer. Poderíase dicir que ela o desexaba tanto que a súa mente lle dixo ao seu corpo que iso era certo, desenvolvéndose un embarazo histérico (pseudociese ou embarazo psicolóxico). Breuer, un home casado, abandonou de golpe as sesións e perdeu todo interese na histeria. Fun eu quen posteriormente retomei o que Breuer non recoñecera abertamente, é dicir, un desexo sexual que se escondía no fondo das neuroses histéricas.

A evolución de Anna O. pasou por un tratamento longo nun sanatorio. Curou e converteuse nunha figura moi respectada e activa, chegando a ser a primeira muller asistente social de Alemaña baixo o seu nome propio: Bertha Pappenheim. Anna será sempre lembrada por min non só polos seus propios logros, senón como a que me inspirou a teoría da psicanálise.

A partir desa experiencia, e coincidindo coa morte da miña nai, apliqueime a min mesmo a experiencia clínica acumulada e comecei un estudo profundo dos meus recordos, desexos e emocións que me permitiron reconstruír a miña infancia. Aquel escrutinio do meu psiquismo pódoo considerar o acto fundador da psicanálise. A partir de aquí publiquei A interpretación dos soños e Tres ensaios sobre teoría sexual.

Gustav Klimt estaba perplexo co que oía, e intentaba desconectar daquel relato e das controversias dos asistentes para centrarse no cadro de Margaret, a irmá de Ludwig.

                      Margaret Stonborough-Wittgenstein. Gustav Klimt

Cando rematou Freud a súa explicación sobre a orixe da psicanálise, interviu Otto Rank:

-Da súa exposición, señor Freud, retomo dúas ideas que considero claves na orixe da psicanálise:

1.- Os procesos psíquicos son en si mesmos inconscientes, e os procesos conscientes son actos illados da vida anímica.

2.- Os impulsos instintivos sexuais desempeñan un papel fundamental na orixe das enfermidades nerviosas e psíquicas, e colaboran na xénese das altas creacións culturais, artísticas, sociais, relixiosas, etc. por sublimación.

Pero, ao meu parecer, esa manía súa polo sexo resulta repulsiva desde o punto de vista estético, condenable desde o punto de vista moral e perigoso por todos os conceptos. A maioría dos pacientes que trata vostede son mulleres e, igual que Anna O., confesan que se namoran dos seus analistas. Seguro que recorda vostede a Lou Salomé. Foi alumna e colaboradora súa, amiga de Nietzsche e de Rée, cos que compartiu proxectos intelectuais e relacións amorosas. Sabe vostede tamén que despois de coñecer a Carl Friedrich Andreas, co que casou, abandonou aos seu amigos Nietzsche e Rée. Igual debe saber que Lou estaba en contra do matrimonio, pero casou porque Andreas a chantaxeou con suicidarse se non casaba con el. El opoñíase ás relacións abertas de Salomé con outros homes, non obstante permaneceron casados ata a morte de Andreas. O certo é que Salomé e Andreas viviron en casas separadas e non mantiveron relacións íntimas. Realmente, vostede considera que a vida sexual da súa colaboradora era consecuencia dun proceso psíquico inconsciente? Non coñecía vostede que Lou tamén foi amante, entre outros moitos, de Rainer María Rilke? Lou Salomé, na súa opinión, sufría represión sexual, ou quizais desinhibición? Talvez esa adicción sexual respondía aos experimentos que practicaba vostede coa cocaína?

                 Neste panel Freud confesa que experimentou coa cocaína

            Eu podo relatarlles aos asistentes -continuou Rank– que me pasou practicando a psicanálise cunha muller moi famosa actualmente, Anaïs Nin, recoñecendo hoxe que actuei como un inxenuo ao aceptar aplicarlle o método psicanalítico. Detrás da terapia de Anaïs estaba a man invisible do señor Freud que, utilizando á súa amiga María Bonaparte, lle aconsellou someterse á psicanaláse da man do tamén amigo seu René Allendy. E, abofé, que Allendy non só a psicanalizou, senón que a converteu na súa amante. Sendo amante de Allendy, Anaïs non estimou improcedente ser amante simultaneamente de Henry Miller e da súa esposa, June, así como o intentou con Dalí, tal como ela mesma confesa no seu diario Henry e June. Namentres, Anaïs casa co banqueiro Hugh Guiler.

-Non me aluda a Dalí, doutor Rank, a ese pintor surrealista, narcisista e con delirios paranoides -interrompeu Freud.  

Dalí viaxou desde París coa intención de me explicar o seu método paranoico-critico, pero os poucos minutos que estivo comigo non lle prestei a máis mínima atención. Mais ao decatarse da miña pasividade fronte á súa pretensión, deu unha puñada na mesa e díxome: “Quero que lea isto esta noite”. Pareceume un fanático. Aquela forma súa de ser fíxome entender por que se xestou a Guerra Civil en España e por que se incrementan os suicidios actualmente. Despois de saír da miña casa díxenlle a Stefan Zweig, que o acompañara á miña casa, que eu nunca vira un prototipo de español máis claramente. Era un fanático.

Pero Rank continuou co seu discurso:

Unha vez que Allendy conseguira converter a Anaïs Nin na súa amante, propúxome transferirma para continuar conmigo a terapia. Eu, ignorante da súa relación amorosa coa paciente, aceptei. Porén, no momento en que asumín a responsabilidade de curala sucedeu algo asombroso: transcorridos vinte anos de abandono por parte de seu pai, Anaïs involúcrouse nunha relación incestuosa co seu proxenitor. E non só non lle importaba que tal desatino non permanecese en segredo, senón que publicou A casa do incesto. Non satisfeita con ese proceder, casa co seu amante Rupert Pole, sen anular o matrimonio con Hugh Guiler. Envolta nesa insolente poliandria, pretendeu integrarme na súa lista de amantes, pero non só non aceptei, senón que reneguei, apostatei e abxurei do método da psicanalise para sempre.

       O rostro de Rank non expresaba indignación, senón a satisfacción do home que vingou con dignidade a súa afronta.

                                                               Anaïs Nin

Fíxose o silencio despois desa intervención. E a cara de Freud expresaba unha traxedia.

            Reithler, que se manifestara fiel seguidor do seu mestre Freud, pediu a palabra para intervir e limar as púas sobre as que se estaba desprazando o debate.

-Penso que estamos pasando por alto dúas ideas importantes do mestre Freud: O inconsciente e a censura. Como ben explica el, o psiquismo humano está organizado en tres sistemas: o inconsciente, o preconsciente e o consciente. O consciente pode ser considerado como unha prolongación do preconsciente. Todo proceso forma parte do inconsciente e pode, en determinadas circunstancias, pasar ao consciente. No inconsciente hai unhas tendencias psíquicas predominantes: as de autoconservación e as sexuais; estas reciben o nome de libido ou busca instintiva do pracer. Ambas tendencias (autoconservación e sexuais) están rexidas polo principio de pracer, xa que toda actividade psíquica orixinaria ten por obxecto buscar o pracer e evitar o dispracer. Pero ambas tendencias están sometidas ás presións da necesidade, introducindo unha modificación profunda nelas. Tal modificación implica que o eu (ego) considere necesario renunciar á satisfacción inmediata, diferindo a adquisición do pracer e soportando determinadas dores. A educación ensina que se fai razoable non se deixar levar polo principio de pracer, senón adaptarse ao principio de realidade. Desta maneira, as tendencias sexuais quedan convertidas en tendencias do ego (eu), pero mantéñense e non desaparecen.  

Persisten así no ser humano dous tipos de tendencias que se corresponden cos dous sistemas psíquicos: as de autoconservación e sexuais (no inconsciente) e as do eu (no consciente). Deste modo, o ser humano queda atado aos conflitos que se poidan dar entre eses tipos de tendencias, con fins distintos: as de autoconservación e as do eu (ego) -que tenden a salvar o individuo- e as sexuais -que tenden a conservar a especie-.

Como ben recoñece o mestre Freud, a tendencia sexual expón á persoa a graves perigos para a súa existencia, moitas veces nefastos, a cambio do extraordinario pracer que pode procurarlle. Non obstante, un predominio excesivo das tendencias do eu (ego) sobre a tendencia sexual tamén pode provocar graves trastornos patolóxicos. Moitas veces esa tendencia sexual pode coverter á persoa nunha creadora de valores éticos e sociais chegando á sublimación, como o caso de Aíxu Weis e Onil, relatado polo doutor C. G. Jung.  

            Freud, que agradeceu as palabras de Reithler, continuou para desenvolver o significado da “censura”.

-O noso inconsciente, ao que acaba de se referir o meu amigo Reithler, parécese a unha gran antecámara na que se acumulan todas as tendencias psíquicas -expresou Freud-. Esta antecámara dá a un salón máis pequeno -sistema preconsciente- onde habita a conciencia. Pero entre ambas habitacións hai un sentinela que inspecciona todas e cada unha das tendencias psíquicas que intentan pasar. Ese sentinela imponlles unha censura e impide que penetren no salón aquelas tendencias que desagradan. Esta metáfora pode expresar as diversas clases de tendencias segundo a relación en que se atopen coa conciencia. Hai tendencias totalmente insconscientes, porque nunca pasan ao sistema preconsciente ou consciente; hai tendencias que franquearon o limiar pero non logran atraer a mirada da conciencia, porque son preconscientes; hai tendencias conscientes porque franquearon o limiar e están presentes na conciencia; e hai tendencias reprimidas que despois de chegaren ao limiar son rexeitadas polo vixiante e non poden facerse conscientes. A esencia da represión consiste no obstáculo infranqueable que o sentinela opón ao paso dunha tendencia do inconsciente ao preconsciente. Este sentinela que controla o paso dun sistema a outro é o que eu denomino censura.                                                      

            Quen exerce a censura son as tendencias do eu, é dicir, aquelas que a persoa recoñece como súas na vida esperta e coas que se atopa de acordo. Esas tendencias do eu veñen marcadas moitas veces pola ditadura do super-eu (super-ego). O fin desa censura é reducirlle ao inconsciente as tendencias reprensibles e indecentes desde o punto de vista ético, estético e social, e que son cousas nas que a persoa non se atreve a pensar ou sobre as que pensa con horror. A iso chámolle complexo, que consta dun conxunto de ideas e intereses, impregnados de afecto, e que permanece ignorado no inconsciente polo momento. Con iso quero xustificar que as tendencias reprimidas seguen operando desde o inconsciente sobre todo o psiquismo humano provocando, segundo a cantidade que se acumule, trastornos e enfermidades neuróticas, actos fallidos e imaxes ou símbolos oníricos.

                       Casa Museo de S. Freud en Viena

                  Cadro simbólico dos soños, colgado nunha parede do dormitorio de Freud

Os símbolos oníricos producen certa relaxación da censura durante o soño, momento que aproveitan as tendencias reprimidas para pasar á conciencia. Pero, aínda que relaxada, a censura segue exercendo a súa acción represiva sobre as tendencias e desexos indecorosos, deformándoos ou enmascarándoos mediante omisión, modificación ou agrupación arbitraria de materiais. Esa deformación é a que converte as imaxes oníricas en símbolos, de aí a importancia que ten a psicanálise na interpretación dos soños como medio de penetrar no inconsciente para atopar as tendencias reprimidas que causan os conflitos psíquicos. A censura exerce a función de resistencia, mediante a cal o sistema consciente insiste en rexeitar as tendencias reprimidas que a terapéutica analítica logrou introducir nel.

 Sala con cadros e flores onde Freud practicaba a terapia do diván.

                                             Casa Museo de Sigmund Freud

             Eu penso -segue Freud– que as neuroses son produto dun conflito inconsciente entre esas dúas tendencias inconciliables -sexuais e do eu-, que se produce cando unha parte da libido sae do dominio do eu e logra impoñerse. A curación da neurose por medio da psicanálise precisa da acción conxunta do analista e do enfermo. E coa psicanálise o enfermo ten un pouco máis de consciente e un pouco menos de inconsciente que antes. Para logralo, non basta con descubrir o inconsciente e poñelo á vista do enfermo, porque iso só esperta no enfermo o conflito primitivo. O que hai que lograr despois é a transferencia, mediante a cal o psicanalista desvía a libido desde o seu obxectivo primitivo a un novo obxecto, intentando que o enfermo e o analista logren vencer a resistencia do eu para que, ao suprimir a represión, se poida transformar o inconsciente en consciente.

            Pide intervir Carl G. Jung para preguntar que relación existe entre a psicanálise e o xudaísmo.

-Resulta sorprendente -afirma Jung– que a gran maioría dos que practican o método da análise psíquica son xudeus. E a mín, que son cristián, tratou de meterme nese rexistro o doutor Freud. Inicialmente aceptei, sen reflexionar sobre esa proposta. Está claro que o que intentaba era ampliar a lista dos psicanalistas fóra do xudaísmo para que o seu invento non fose identificado de sionista.

                 Dous xudeus: Freud e Einstein. Casa Museo Freud

Karl Abraham, que sen criticar ao seu mestre por non compartir con el o instinto de morte (thánatos) nin algúns outros conceptos, quixo intervir:

-Coincido absolutamente coas palabras do doutor Carl Jung. O doutor Freud envioume unha carta na que me dicía: “Lembre tamén, amigo Karl, que Jung, cristián e fillo de pastor, non atopou o camiño cara a min senón vencendo grandes resistencias. A súa adhesión ten maior valor. Case ía dicir que a súa entrada na escena da psicanálise afastou o perigo de ver como esta ciencia se converte nunha cuestión nacional xudía”.

Freud, cun nerviosismo controlado, dirixiuse a Jung e a Abraham con estas palabras:  

-Evito responder ás ofensas gratuítas, pero non gardo silencio ante o que se debe levantar a voz. Confeso, doutor Jung e amigo Abraham, que eu pretendía poñer a salvo a psicanálise ante posibles situacións de futuros riscos nas que o xudaísmo, como en reiteradas etapas da nosa historia, fose perseguido e tratasen de exterminalo mediante unha nova caza de bruxas, e con el liquidasen o noso método terapéutico. Esa é a única razón que me moveu a invítalo, doutor Jung. Pero vexo que vostedes non se decataron do sentido da miña proposta.

-Eu tamén teño constancia, terciou Otto Rank, da confesión que o señor Freud lle fixo á súa amiga Lou Andreas-Salomé sobre o xudaísmo. Ao parecer, o señor Freud estaba obsesionado coa figura de Moisés, a quen non considera xudeu, senón exipcio. Pero tiña que xustificar a relación de Moisés co pobo xudeu, ao que dirixiu corenta anos polo deserto. A pesar dese sacrificio dirixindo ao pobo de Israel, Moisés fora avisado de que non entraría na Terra Prometida. Iso significaba a morte do pai dos xudeus a mans dos seus propios fillos. E ese relato aprovéitao vostede, señor Freud, para copiar o complexo de Edipo, onde o fillo quere matar ao pai.

                                                       Lou Andreas-Salomé

            Polo tanto, parece máis que evidente a relación entre xudaísmo e psicanálise, non só por ser xudeus o creador do método da análise psíquica e os seus seguidores, senón tamén polos conceptos nos que se fundamenta dita terapia, como é o caso da asociación libre que se utiliza no diván do señor Freud, ou o método de discusión rabínica, e mesmo o rexeitamento ao incesto, que non se dá por instinto, senón que se dá por medio da función da represión. Un tema fundamental dentro da psicanálise é a idea xudea do monoteísmo, o deus-pai, transferindo esa estrutura subxectiva na análise da persoa para ancorarse no referente paterno, quen pon as normas que se deben de cumprir na casa actuando como super-eu represor.

            O debate non parecía tranquilo nin sosegado no salón presidido por Xano desde o centro da biblioteca. Pero o pasado e o futuro que se esconden tras a mirada do bifronte ocultaban un futuro inmediato absolutamente deconstrutivo. E o primeiro dardo vén disparado polo anfitrión.

-Logo deste amplo e extenso debate -intervén Wittgenstein-.

A min quédame unha gran dúbida: saber se a psicanálise que aquí se defende por uns e se critica por outros está incluída dentro da ciencia. No caso de non ser un método científico, sabemos se é útil para solucionar os problemas psíquicos? Aquí tropezamos cun problema de demarcación que para min, ademais do seu interese intelectual, ten consecuencias prácticas importantes para a vida humana. Non podemos admitir imposturas, porque non todo é igual. Cómpre defender o mellor coñecemento crítico posible, e aquí estamos para esa misión.

               Visitando o dormitorio do doutor Sigmund Freud. Casa Museo de Freud en Viena

            O Círculo de Viena (Wiener Kreis), ao que moitos consideran creación miña porque os seus integrantes utilizan o meu Tractatus como fundamento dos seus debates, consideran que os enunciados científicos teñen que ser verificables para poderen ser considerados verdadeiros no marco da ciencia. No caso de non poderen ser verificables consideraranse metafísicos ou asignificativos. En consecuencia, urxe buscar un principio de demarcación entre proposicións científicas e non científicas na psicanálise. A partir desa proposta que fan os integrantes do Wiener Kreis, como Moritz Schlick, Otto Neurath e Rudolf Carnap, o criterio de demarcación da ciencia e do que non é ciencia está na verificabilidade dos seus enunciados. Só así se pode saber se un enunciado é verdadeiro ou falso. E agora necesitamos saber se as proposicións nas que se basea, e coas que traballa, a psicanálise son verificables ou non.

            Rematadas as palabras de Ludwig W. solicita intervir A. Adler, que levaba calado moito tempo.

-Resulta difícil atopar un psicanalista experimental, afirma Adler; en cambio, calquera psicanalista trata de explicar todo o que lle pasa a unha persoa ao longo da súa vida, desde un lapsus ata unha guerra mundial. A psicanálise presupón un dualismo psicosomático nas súas terapias: unha mente (alma –Seele, como lle gusta chamar ao doutor Freud-), que é inmaterial, e un corpo, sobre o que actúa a alma. Desta unión xorden as enfermidades psicosomáticas. Pero esa aceptación dunha realidade inmaterial, como a psicanálise considera á alma, choca frontalmente coas ciencias empíricas, que non admiten ese tipo de realidades. É J. Lacan, discípulo do señor Freud, quen afirma que a psicanálise non é unha ciencia, senón unha práctica que se ocupa de algo real, un real diferente do real do que se ocupa a ciencia, como explicou anteriormente o doutor Jung.

-Comparto as palabras de Alfred -intervén Karl Abraham-. Nunha perspectiva científica, calquera acción considerada como resultado da mente e do corpo é un proceso que comeza no cerebro e viaxa a través dos nervios a outra parte do corpo. E iso pódese comprobar empiricamente. En cambio, as conxecturas dos psicanalistas poden ser comprobables ou incomprobables. Afirmar que as persoas por natureza somos agresivas é algo comprobable, pero falsa. En cambio, aseverar que as neuroses son consecuencia dunha represión -como o caso dun trauma infantil ou o complexo de Electra- é imposible de verificar. Daquela, como se poden verificar as interpretacións que realizan os psicanalistas dos símbolos oníricos, das imaxes dos soños, dos lapsus ou actos fallidos se a causa permanece invisible no inconsciente? Estas interpretacións son simples sucedáneos metafísicos da psicoloxía analítica. O que non se pode verificar non é científico. As explicacións científicas teñen que estar suxeitas á posibilidade de seren rexeitadas empiricamente. En consecuencia, a psicanálise non é científica porque resulta unha teoría infalsable.

            Como acaba de dicirnos o doutor Freud -segue intervindo K. Abram-, unha certeza coa que traballa a psicanálise é a existencia do inconsciente, pero ninguén demostrou empiricamente que o inconsciente sexa culpable de todos os males que lle atribúen os psicanalistas. Polo tanto, debemos inferir que a psicanálise non é un campo de investigación, senón un sistema de crenzas e unha profesión. Os psicanalistas son crentes nunha fe que lles facilita vivir ben e, entre outros privilexios, conseguir entre as súas pacientes unhas amantes que noutro tempo foran prerrogativa de reis e príncipes. Esas infortunadas pacientes que se debían tratar pola ciencia son agora presas enfeitizadas e fascinadas polos enredos e artimañas duns ilusionistas que se denominan psicanalistas e cuxa profesión debe desaparecer definitivamente, por ben da sociedade e por rigor científico.

Bleuler, que non intervira nesta segunda parte do debate, pediu turno para manifestarse.   

Hai uns anos, tratei de xustificar as enfermidades psíquicas, en particular as neuroses, a partir de factores biolóxicos, esencialmente xenéticos, co propósito de poder dar unha explicación científica ás mesmas. E propuxen a miña propia teoría, que denominei “Epanástasi fenotípica”. En que consiste? En explicar como un fenotipo principal que resulta de factores xenéticos e medioambientais lidera a vida da persoa, unha vida sá tanto física como mentalmente. Pero, cando se produce unha revolución (epanástase) interna dos xenes activada por fenómenos medioambientais, o fenotipo líder é derrocado e substituído por outro fenotipo secundario. Nesa situación, a vida psíquica da persoa entra nun desamaño nocivo que a arrastra á neurose e a utros desaxustes mentais.

            Despois de buscar durante tempo evidencias empíricas que corroborasen a miña teoría, tiven que claudicar por non atopar casos empíricos para revalidar a miña teoría e abandonala para non caer nunha pseudociencia.

            Así que aconsello ao doutor Sigmund Freud que desista definitivamente da súa teoría sexualista e entre en razón. Se non o fai, a psicanálise quedará ao nivel da acupuntura, da musicoterapia, dos curandeiros, das sectas, dos taumaturgos e feiticeiros.

Sigmund Freud, co sobrancello engurrado, sentiu tan acurralado que non puido contestar aos últimos interlocutores.

           E Wittgenstein decatándose que non había argumentos contundentes para seguir defendendo a psicanálise, decidiu poñer fin á reunión con estas palabras:

-Quedémonos coa tese de que a ciencia é boa porque descubre a realidade. A psicanálise, en cambio, distrae a atención de problemas importantes, socava a confianza no método científico e apontoa privilexios. Queda reducida a pseudociencia. O principio de demarcación entre ciencia e non ciencia reside no principio de verificación que, como quedou demostrado no debate, non se pode aplicar ao método da psicanálise. Quen pretenda seguir practicándoa, farao sen o rigor científico e exclusivamente a nivel do feitizo, da maxia, da taumaturxia e dunha pseudociencia.

            Estas palabras serviron para clausurar un encontro extraordinario da Sociedade Psicolóxica dos Mércores, que comezou de maneira conciliadora e harmónica entre os asistentes, pero que rematou nun duelo dialéctico con argumentarios afiados. A pesar da fama de serios, secos e vaidosos co que cargan os psicanalistas, a despedida foi cordial entre todos, como era de esperar en persoas educadas e discretas.

Pero o que menos me esperaba eu era asistir á defunción e ao enterro da psicanálise. Por iso, a posteriori, alégrome de non intervir no debate para non ter a mala conciencia de contribuír á morte dun método psicolóxico definitivamente fracasado.

Horas despois entereime que dos 47 analistas que se contabilizaban en Viena ata ese encontro, quedaban soamente nove, pero aínda así, sobraban para herdar o legado do seu fundador.

         Lista de psicanalistas residentes en Viena. Casa Museo de S. Freud

            Despedinme dos asistentes, pero pregueille a Sigmund Freud que me permitise visitar a súa consulta pola tarde, ao que accedeu gustoso; grazas a esa deferencia puiden fotografar as imaxes ilustrativas destes encontros.

Wittgenstein e mais eu concertamos vernos ás dez da mañá do día seguinte no Cemiterio Central, unha visita que tiñamos acordada do día anterior e desde onde nos despedimos, coa esperanza de podernos encontrar nunha próxima ocasión.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.