O PP de Ribadavia lembra que o Concello fixo fronte ao pago de 481.000 euros en facturas do goberno anterior

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O goberno municipal (do Partido Popular) de Ribadavia quere desmentir rotundamente, nun comunicado de prensa, “as falsidades vequidas polo grupo socialista, que demostran unha vez máis o seu total descoñecemento do funcionamento económico e administrativo do Concello”. Así, subliñan que “todas as modificacións de crédito ás que fai referencia o PSOE realízanse conforme á normativa vixente, con informes favorables de Intervención e Secretaría, e coa máxima transparencia”. Engaden que “trátase de movementos contables habituais ao final do exercicio para axustar partidas orzamentarias, algo que se fixo en todos os mandatos, incluídos os gobernos socialistas”.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

Tamén aseguran que “as mentiras do grupo socialista chegan ata o punto de querer insinuar que o incremento de dietas é debido a dietas do goberno municipal cando saben que é falso. Tal e como eles saben, ese incremento na partida de dietas corresponde coas dietas que se pagaron aos membros dos tribunais de dous concursos-oposición da OPE do ano 2025, e que se imputan na mesma partida orzamentaria”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Con relación aos festexos, o equipo municipal de goberno de Ribadavia lembra que “as festas e a Feira do Viño contaron cunha programación ampla, diversa e destinada a dinamizar a economía local e o turismo. As cifras que manexa o PSOE son inexactas e manipuladas: o investimento global mantívose dentro dos límites previstos e, lonxe de ser un gasto, supuxo un retorno económico importante para a hostalaría, o comercio e o tecido asociativo de Ribadavia”.

Por outra banda, e en referencia aos pagos pendentes, o PP ribadaviense apunta que “os pequenos axustes que se inclúen na modificación de crédito responden ao calendario normal de facturación e pago a provedores, non a “pufos” nin a débedas ocultas. O Concello paga en prazo e con rigor, algo que non sempre acontecía en etapas anteriores, cando se deixaban facturas sen consignación orzamentaria”. Ao respecto, lembran que “no ano 2024 tivemos que facer dúas modificacións de crédito, e subscribir un plan de pago a proveedores, para facer fronte aos 481.860 € de facturas sen pagar e sen recoñecer que deixou o anterior goberno municipal”, integrado polo PSdeG-PSOE e Ribeiro en Común.

Para os populares “resulta lamentable que o PSOE intente, unha vez máis, danar a imaxe do Concello e do seu equipo de goberno con mentiras e titulares populistas”. “O goberno municipal seguirá traballando con responsabilidade, transparencia e diálogo coa veciñanza, centrado en mellorar os servizos públicos e en promover unha Ribadavia viva e dinámica, fronte á política de crispación e ruído que practican outros”, conclúen.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------