O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia que o PP prosegue co seu “despilfarro” de cartos públicos en festas

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

 O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia que o goberno municipal do Partido Popular prosegue co seu “despilfarro” de cartos públicos en festas e levará ao pleno do xoves unha modificación de crédito para pagar “pufos” das festas do Portal e da feira do Viño do ano 2024. As e os socialistas critican que o PP “trate de camuflar estas débedas como gastos diversos, co único obxectivo de que a oposición non poida fiscalizar a súa neglixente e pésima xestión económica”.

Dende o grupo municipal socialista explican que as festas do Portal “foron un auténtico desastre e un fracaso absoluto, con actuacións nas que apenas houbo 10 persoas, a pesar de contar cun orzamento de 80.000 euros, o máis alto da historia”. Neste senso apuntan a que “a pesar de contar con ese orzamento, agora atopámonos con que ademais hai unha débeda de 28.248,96 euros, que teñen que pagar a través desta modificación de crédito”. Con esta débeda, o orzamento das festas patronais dispárase ata os 108.248,96 euros, unha cifra que as e os socialistas consideran “desproporcionada para o rotundo fracaso que supuxeron estas festas”. Tamén subliñan que “namentres cos gobernos socialistas se traían grupos de primeiro nivel, nestas festas non se fixo tal e o gasto disparouse unha auténtica barbaridade, recadando tamén apenas 6.000 euros da veciñanza, que cada vez está máis farta de pagarlle ao goberno municipal os seus pufos e a súa mala xestión económica”.

De igual forma, na modificación de crédito tamén figura unha partida como gastos diversos por importe de 11.024,96 euros que serán destinados a pagar débedas da feira do viño do ano 2024. Neste senso, as e os socialistas afirman que “no seu momento o PP dixo que as contas quedarán practicamente cadradas, cunha pequena variación de 100 euros, pero agora atopámonos con que faltaban por pagar máis de 11.000 euros”. Subliñan que “moito nos tememos que nas contas da feira do viño de 2025 tamén aparezan calotes que haxa que pagar posteriormente”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ribadavia pon o foco sobre a concelleira de festexos a que acusa de estar detrás “deste desfalco de cartos públicos” e de organizar “as peores festas da historia e as máis caras que nunca se viron na capital do Ribeiro”. Asemade apuntan que “ademais de xestionar mal e sablear á veciñanza coa subida de taxas e impostos para pagar estes pufos, atopámonos tamén con que o soldo desta concelleira triplica aos de concelleiras anteriores de cultura, chegando aos 1.500 euros”. Consideran que este soldo “é totalmente desorbitado para a súa pésima xestión ao fronte da concellería de festexos” e esíxenlle ao alcalde, César Manuel Fernández, que “tome as rendas no asunto e se poña a traballar para reverter a situación”.

“Non pode ser que a veciñanza de Ribadavia teña que pagar a base de taxazos e subida de impostos a pésima xestión das festas do goberno municipal e o gasto desorbitado en soldos e dietas”. Neste senso tamén apunta que a modificación de crédito inclúe unha partida de 817,34 euros extras para dietas, xa que tal e como apuntan dende o PSOE ribadaviense “xa esgotaron as contías en dietas antes do mes de outubro, cando de toda a vida a partida destinada para este fin, nunca se gastou completamente”.

As e os socialistas fan fincapé en que “a xestión é tan nefasta que tratan de esconder estas partidas como gastos diversos co único fin de tapar as súas vergoñas e que a veciñanza non estea informada do despilfarro de milleiros de euros do erario público”. Subliñan tamén que “estamos ante o goberno que máis gasta en soldos para si mesmos, que máis despilfarra en festas, que peor as organiza e que máis lle sube os impostos á veciñanza para compensar esta nefasta xestión”.

Por último, dende o grupo municipal socialista pídenlle ao PP que “deixe de traer modificacións de crédito para pagar os seus pufos e que comece a xestionar da forma correcta a economía do concello, porque a veciñanza está xa farta de ver como se lle suben os impostos, namentres que as actividades que organizan dende o grupo de goberno son nefastas”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------