Ribadavia volverá a converterse este outono no epicentro da maxia e das tradicións galegas coa celebración da “Noite Meiga”, unha das festas máis emblemáticas do Samaín en Ourense. Durante as xornadas do venres 31 de outubro e sábado 1 de novembro, a vila encherase de música, animación, espectáculo e misterio, nun programa que mestura tradición popular, lendas e o calor da comunidade ribadaviense.
A programación arrincará o venres 31, coas sesións do Escape Room “Esperta”, de Adda Fun, na Igrexa da Madalena, con horarios ás 16.00h, 17.45h, 19.45h, 21.30h e 23.15h. As entradas están dispoñibles en www.viverix.com por 13 euros. O mesmo horario e prezo repetirase o sábado 1 de novembro.
O sábado virá cargado de actividades desde as 17.00h, coa apertura do Mercado Meigo na Fachada do Castelo e a celebración simultánea da Procura Meiga e da Escola de Feiticeiros/as na Praza Maior, acompañadas pola animación musical de Abelo Valis e a Visita do Gran Dragón. Tamén na Praza Maior instalarase o Posto Oficial de Activa-T, con cadeliños e apócemas.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



A maxia continuará ás 19.00h co espectáculo do Mago Golden Magic, no Auditorio da Casa da Cultura (entrada 3€). Ás 20.00h dará comezo o Desfile Meigo desde a Ponte San Francisco, coincidindo co percorrido dos Tabaleiros da Istoria polas rúas da vila.
A música seguirá soando coas Pandereteiras da Istoria (20.45h) e o grupo Festicultores (21.00h), ambos na Praza Maior. Tamén ás 21.00h abrirá as súas portas a esperada Pasaxe do Terror, no Castelo dos Sarmiento (entrada polo xulgado), con pases ata a 01.00h. A actividade, a cargo dos Especialistas de Hípica Celta, está recomendada para maiores de 12 anos e conta cun aforo limitado. As entradas (6€) poderán adquirirse anticipadamente en Anube Descanso desde o 24 de outubro, ou o mesmo día desde as 16.30h na Oficina da MIT.
Ás 21.45h, os Tabaleiros volverán a percorrer as rúas, antes da Danza do Lume (22.00h), tamén a cargo de Hípica Celta. A noite continuará ás 23.00h coa actuación dos Festicultores ata a tradicional Queimada con “As Lajartas”, prevista para as 00.00h na Praza Maior.
Á mesma hora, o DJ Chemigal porá ritmo no Club Artístico, onde ás 00.30h terá lugar o espectáculo de gran formato “Historia de Deuses”, con Especialistas Hípica Celta. A festa pecharase co concerto de “Quinquillada”, ás 01.00h, tamén no Club Artístico.
Actividades paralelas
De maneira complementaria, a vila acollerá outras propostas que contribúen a crear ambiente e participación durante toda a semana.
Do 27 de outubro ao 2 de novembro, na Praza de Abastos, poderá visitarse a Exposición de Cabazas, elaboradas polo alumnado do CRA Amencer e do CEIP Plurilingüe de Ribadavia.
Tamén permanecerá aberta a Exposición de Carteis da Noite Meiga no Café Bar Aljama, onde se poden ver os carteis participantes no concurso deste ano.
Ademais, celébrase o Concurso de Ambientación de Locais, cuxo premio consistirá nun diploma e un agasallo meigo. O xurado das meigas visitará os establecementos participantes o venres 31 de outubro.
Desde a organización fan un chamamento á veciñanza e visitantes para que participen caracterizados de meigas, bruxos, feiticeiras, ánimas, lobishomes, encantos…, e no caso de non poder facelo, que vistan de cor negra, para manter o espírito máxico da festa nas rúas da vila.
Os organizadores animan a veciños, veciñas e visitantes a participar e colaborar coa festa, adquirindo produtos no posto oficial da Asociación, situado na Praza Maior, contribuíndo así á continuidade desta celebración que xa se consolidou como unha das grandes citas do Samaín en toda a provincia de Ourense.

















