A Xunta e endesa entregan 4 equipos informáticos a alumnos de Viana do Bolo

Esta doazón de equipos informáticos responde a un convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Endesa

  • O delegado territorial e o responsable de Relacións Institucionais de Endesa fixeron entrega de 4 equipos informáticos a dous alumnos do IES Carlos Casares e a outros dous do CEIP Bibei de Viana do Bolo
  • O delegado territorial agradeceu “a aposta de Endesa pola educación e a súa contribución a que o alumnado poida continuar cos seus estudos en igualdade de condicións a pesar da pandemia. Un obxectivo que está en liña cos fixados no Plan de Ensino Virtual que impulsa a Xunta de Galicia”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo esta mañá un encontro institucional co alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo. Trala reunión, desprazouse a subestación hidráulica Central de San Agustín, onde, acompañado de José Antonio Menéndez, responsable de Relacións Institucionais de Endesa, fixeron entrega de 4 equipos informáticos a dous alumnos do IES Carlos Casares e a outros dous do CEIP Bibei de Viana do Bolo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta doazón de equipos informáticos responde a un convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Endesa, polo que esta empresa hidroeléctrica doará 120 equipos informáticos a estudantes galegos en situación de vulnerabilidade.

Trátase dunha acción incluída dentro do Plan de Responsabilidade Pública que a compañía está a aplicar con motivo da pandemia do coronavirus e que, ademais dos equipos informáticos, inclúe tarxetas de conexión a internet co fin de facilitar o acceso á teleformación a alumnos en situación de vulnerabilidade.

O acordo, asinado o pasado 9 de novembro polo secretario xeral de Educación e FP da Xunta, José Luis Mira, e o responsable de Relacións Institucionais de Endesa, José Antonio Menéndez, establece ademais os 27 centros docentes cuxos alumnos se beneficiarán desta actuación. Concretamente, trátase de 18 colexios de Ferrol, cinco das Pontes, un da Capela, outro de Monfero e dous de Viana do Bolo.

O delegado territorial agradeceu “a aposta de Endesa pola educación e a súa contribución a que o alumnado poida continuar cos seus estudos en igualdade de condicións a pesar da pandemia. Un obxectivo que está en liña cos fixados no Plan de Ensino Virtual que impulsa a Xunta de Galicia”.

Pola súa banda, José Antonio  Menéndez, responsable de Relacións Institucionais de Endesa Noroeste, explicou que este proxecto “consegue materializar o propósito que a compañía se fixou o pasado marzo de axudar co seu Plan de Responsabilidade Pública alí onde máis se nos necesitase e como máis se nos necesite. Tras a compra de material sanitario e bens de primeira necesidade, requírese agora a reactivación socioeconómica de todo o país e asegurar, como sempre dixemos, que ninguén quede atrás nesta transición que vivimos”