A Corporación Municipal do Carballiño mantivo hoxe unha actividade maratoniana de cinco horas nas que ningunha das propostas formuladas polos dous grupos da oposición (Espazo Común e Bloque Nacionalista Galego) tiveron o visto bó do equipo de goberno (PSdeG-PSOE e Partido Popular). Foron dúas as sesións plenarias celebradas, a primeira, extraordinaria, solicitada por Espazo Común, e, a segunda, a ordinaria correspondente ao mes de outubro.
Así, pasadas as 9,30 horas, comezaba o pleno extrordinario no que o grupo liderado por Manuel Vázquez pedía a anulación do convenio asinado polo Concello coas empresas promotoras dos parques eólicos para destinar un 2,5% dos beneficios da venda da enerxía eléctrica a proxectos de mellora no municipio. O voceiro de Espazo Común, Adolfo Nogueira, lembrou que as liñas de evacuación (de alta tensión) destes parques pasarían por riba de núcleos de pobación do rural do Carballiño, e que a Corporación xa realizara, por unanimidade, unha declaración institucional e alegacións en contra desa instalación en solidariedade cos veciños afectados.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



Sen embargo, o voceiro do PP, José Castro, asegurou que estes proxectos eólicos contaban co beneplácito do Goberno do Estado ao ser de utilidade pública e o único que se podía facer dende o Concello “é presentar un recurso contra o trazado da liña, como xa fixemos”, extremo que tamén mencionou o alcalde, Francisco Fumega, ao suliñar que “pedimos que se aproveiten as liñas xa existentes para a evacuación da enerxía e non se instalen outras novas”. Finalmente, a petición expresada de anulación foi rexeitada, xa que só contou cos seis votos afirmativos de Espazo e BNG, mentres o goberno municipal (10 concelleiros presentes) votaba en contra.
A xuntanza da Corporación continuou ao fío das 10,15 horas co pleno ordinario, no que socialistas e populares sacaron adiante unha modificación de crédito de 450.000 euros para facer fronte a pagos ás empresas concesionarias do abastecemento e subministro de enerxía; indemnizacións a traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar; e outros gastos en comunicacións,seguros, infraestruturas ou festas, entre outros. Unha moción do BNG sobre a problemática do gas radon nas instalacións do Conservatorio de Música só contou co apoio de Espazo Común e, polo tanto, e foi rexeitada polo goberno municipal.
No seguinte punto da orde do día, o propio Manuel Vázquez abríu un interesante debate sobre as actuacións levadas a cabo pola Concellería de Medio Ambiente (podas e talas) no Parque Municipal, que foron xustificadas pola responsable deste departamento, Elvira Torres, ao abeiro de informes técnicos “que non necesitaba pedir, porque é un parque urbano de titularidade pública”, según apuntou, postura que tamén foi avalada por Fumega ao citar as recomendacións da Consellería de Medio Rural sobre especies arbóreas que se atopaban en mal estado. A proposta de Espazo Común para aclarar os feitos e solicitar a reprobación da concelleira contou coa abstención da voceira do BNG, Sofía García, e da concelleira socialista Rosa Fuentes, mentres o resto do equipo de goberno votaba en contra.
E sería o propio Vázquez quen de propoñer unha alternativa ao proxecto presentado polo Concello para a ampliación do estadio municipal de Espiñedo, ao entender que se perde unha gran oportunidade para recalificar como solo dotacional 15.000 metros cadrados dos terreos rústicos adxacentes, “porque vós deixades tan só 1.700 metros cadrados para a instalación dunha nova grada”, indicou. Pola contra, Fumega afirmou que “os técnicos só nos deixan destinar un 20% da superficie total para edificacións, ao tratarse de solo rústico”. Neste caso, e con só 14 concelleiros na sesión, a proposta de Espazo Común (4) contou co rexeitamento dos 5 edís do PP, mentres se abstiñan PSdeG-PSOE (4) e BNG (1).

















