O Sr. Alcalde, Francisco Fumega, segue sen dar explicacións sobre a súa temeraria resolución na que habilitaba a execución das obras de cerre dunha finca propiedade do seu entorno familiar que, de forma ilegal, xa tiña realizadas dende había meses antes de ter presentado da comunicación previa e coas que se apropiaba de terreos de propiedade privada e outros de titularidade municipal na rúa Alberto Vilanova, Señorín, coa agravante de ser sabedor de tal circunstancia e de que non se correspondían coa documentación presentada.
Mentres que os propietarios afectados presentaban no Concello a denuncia pola invasión dos seus terreos e dos de propiedade pública, novembro de 2020, os responsables municipais non só non mostraron interese algún en defender e recuperar o patrimonio municipal subtraído senón, máis ben, obstaculizaron en todo canto puideron a aplicación das resolucións que emitía o propio Concello, ata chegar a paralizar a tramitación do expediente de reposición da legalidade urbanística e deixar caducar o prazo de execución infrinxindo sistemáticamente toda a normativa legal que regula o seu cumprimento e a imposición das sancións que corresponden á infracción urbanística.
Ante a insistencia dos denunciantes e a intervención da Valedora do Pobo, ábrese un novo expediente. No mes de novembro de 2022, a secretaria emitiu a proposta de resolución no mesmo sentido que a anterior, que non é outra que a reposición da legalidade e o derribo do cerre. Ata o día de hoxe dita proposta está sen resolver, nin executado o expediente sancionador ditado no mes de agosto dese mesmo ano, nin aberto o expediente da reclamación de Responsabilidade Patrimonial presentada polos afectados hai meses, sendo preciso, novamente, a intervención da Valedora do Pobo para acceder á información e documentación do novo expediente. Será que o concelleiro delegado para resolver, Manuel Dacal, está agardando a intervención da fiscalía para cumprir e facer cumprir a Lei?
Por outra parte, e en paralelo ao proceso descrito anteriormente, en resposta á denuncia presentada no Concello polos propietarios afectados, o propietario infractor presenta demanda de deslinde de fincas no xulgado do Carballiño na que, ademais da superficie invadida co cerre dos postes, pretende apropiarse do resto da parcela municipal ata tal punto de negar a titularidade municipal e ignorar ao Concello do Carballiño nesta demanda. E os responsables municipais de brazos caídos.
En previsión dos danos e prexuízos que lle poidan ser causados en todo este proceso, os propietarios afectados exercitan a acción de evicción contra o Concello do Carballiño, por ser o vendedor orixinario do seu terreo, resultado dun expediente de permuta. Ao requirimento do xulgado ao Concello, os responsables municipais dan o silencio como resposta, negando o alcalde de forma reiterada a existencia da citación xudicial.
O clamoroso abandono da defensa dos bens públicos en favor dos seus intereses privados e familiares e o escándalo sen precedentes que supón este grave episodio exixe explicacións públicas, nítidas e inmediatas do Alcalde, Francisco Fumega, e do concelleiro responsable da tramitación e execución do expediente de reparación da legalidade urbanística, Manuel Dacal.
Un veciño do Carballiño
SECCIÓN CREADA PARA ATENDER AOS VECIÑOS e VECIÑAS NAS SÚAS QUEIXAS OU RECLAMACIÓNS SEMPRE E CANDO SEXAN TEMAS DE INTERES PÚBLICO
A publicación esta vinculada a identificación do veciño ou veciña. Se algunha persona se sinte aludida ten o dereito de réplica neste medio