
A Comisión de Dereitos dos Maiores, Soledad e Atención á Dependencia, Familia e Reto Demográfico da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) celebrou unha reunión en formato híbrido no Concello de Carballeda de Avia, onde se presentou oficialmente o ‘Acuerdo Rural: Liderando la transición desde los municipios rurales’.
Este acordo é froito das xornadas de traballo celebradas en Ourense os días 28 e 29 de outubro no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, co respaldo do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), representado polo secretario de Estado Francesc Xavier Boia; a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a través da súa presidenta da Comisión, Concepción Cedillo; e a Xunta de Galicia, que clausurou o encontro da man do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González. As xornadas reuniron a alcaldes e alcaldesas de municipios rurais españois para reclamar un maior protagonismo no deseño do futuro das zonas rurais. No marco do acto, entregouse o Premio ao Municipio Rural Innovador a San Xoán de Río, recollido polo seu alcalde José Miguel Pérez.
OS MELLORES ESTABLECEMENTOS



O ‘Acuerdo Rural’ articula compromisos ao redor de cinco grandes transicións: socioeconómica, cultural, ecolóxica, enerxética e dixital. Nel proponse crear unha rede de municipios rurais para definir unha folla de roteiro que implique á sociedade e aos diferentes gobernos e autoridades na adopción das medidas necesarias para a transición rural.
O ‘Acuerdo Rural’ inclúe unha proposta de 22 medidas a adoptar polos gobernos rexionais, nacional e europeo, resultantes das mesas de traballo realizadas durante os dous días da xornada e nas que participaron representantes municipais, da comunidade universitaria e dos sectores empresarial, financeiro e social. Entre estas medidas destacan a necesidade de organizar as competencias e estruturar as responsabilidades da administración local; poñer en marcha plans de vivenda rural baseados na rehabilitación (avais públicos de créditos para rehabilitación, parques municipais de vivenda pública para alugueiro, bancos de vivendas, colivings e a xestión de vivendas de propietario descoñecido, entre outras.
Tamén se propón a adopción de incentivos fiscais encamiñados a fixar poboación e actividade económica no rural; acompañar a emprendedores e crear bolsas ou mercados locais de emprego; poñer en marcha programas de financiamento específicos para negocios do territorio rural e subvencións áxiles, fáciles de activar e xestionar; fomentar o retorno de xente con formación e vinculación co territorio, así como programas de acompañamento para que se instalen emigrantes e garantir a conectividade do territorio rural, e capacitar en tecnoloxías dixitais e acceder a servizos públicos dixitalizados.
Por outra banda, contémplase a ordenación de territorio rural e integrar as lexislacións sectoriais desde unha perspectiva rural; recuperar e poñer en valor a terra agraria e a bioeconomía como base para a fixación de poboación e a soberanía alimentaria; garantir a substitución xeracional dos negocios rurais, en especial no ámbito agrario, facilitando o acceso á terra e novas fórmulas de financiamento adaptadas a pequenos emprendedores agrarios e rurais; facilitar a produción e consumo de enerxía renovable a nivel local e promover comunidades enerxéticas rurais; e, finalmente, crear redes de entidades rurais locais para o impulso de proxectos de maior entidade.
O texto completo do ‘Acuerdo Rural: Liderando la transición desde los municipios rurales’, aprobado polos alcaldes e alcaldesas da FEMP pode descargarse aquí:
 
			 
		 
 

 
 
 








