Presentación da I Gala Solidaria Bicos de Papel en Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

  A deputada de Política Social da Deputación de Ourense, Patricia Torres, asistiu á presentación da I Gala Solidaria Bicos de Papel, amosando o apoio institucional ao labor que a asociación desenvolve coas familias de nenos e nenas con cancro.

  A asociación Bicos de Papel acompaña desde hai oito anos ás familias ourensás desprazadas a Vigo durante os tratamentos oncolóxicos pediátricos, ofrecendo aloxamento gratuíto e apoio integral.

 A gala celebrarase o 7 de novembro no Teatro Principal de Ourense, con actuacións de Peter Punk, Besbellos, Escola de Danza Catro Pasos e Estudio Repenica, presentada por Juan Maceiras e os peques da asociación.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 30 de outubro de 2025.- Esta mañá levouse a cabo a presentación da I Gala Solidaria Bicos de Papel en Ourense.

A deputada de Política Social da Deputación de Ourense, Patricia Torres, participou esta mañá na presentación da I Gala Solidaria Bicos de Papel en Ourense, un evento organizado pola Asociación Bicos de Papel co obxectivo de recaudar fondos e dar visibilidade ao seu labor de apoio a nenos e nenas con cancro e ás súas familias.

No acto tamén participaron Natalia Dieste, directora da asociación, e Lucía Curra, secretaria da entidade, quen destacaron a importancia de dar a coñecer en Ourense o traballo que Bicos de Papel realiza desde hai oito anos coas familias desprazadas a Vigo para tratamentos oncolóxicos pediátricos.

A asociación ofrece aloxamento gratuíto, acompañamento psicolóxico, apoio social e servizos de rehabilitación e terapia ocupacional, garantindo que as familias de Ourense poidan afrontar este proceso nun entorno máis seguro e humano.

“Somos nais de nenos oncolóxicos e sabemos a dureza desta situación. É un diagnóstico que impacta a toda a familia: o teu traballo, o teu entorno, a túa vida. Por iso queremos que as familias de Ourense saiban que hai unha asociación que as agarda cos brazos abertos e as acompaña desde o diagnóstico ata o final do tratamento”, sinalou Natalia Dieste.

Pola súa banda, a deputada Patricia Torres puxo en valor a colaboración entre as administracións públicas e as entidades sociais que traballan a diario coas familias, subliñando a importancia de reforzar o seu apoio e recoñecemento institucional.

“Coñecemos de preto o labor de Bicos de Papel, e é fundamental que a sociedade ourensá tamén o coñeza. Cobren necesidades reais das familias cando deben desprazarse, e o seu acompañamento emocional e social é esencial. Por iso, desde a Deputación queremos ofrecerlles o noso respaldo e darlles visibilidade”, afirmou.

Durante a súa intervención, Lucía Curra, secretaria de Bicos de Papel, agradeceu as facilidades ofrecidas pola Deputación e polas entidades colaboradoras, e convidou a toda a cidadanía a participar na gala.

“Estamos moi agradecidas pola acollida que recibimos e queremos convidar a todos os ourensáns a acompañarnos o vindeiro día 7, porque será unha gala moi emotiva e pasarao moi ben cos nosos peques e con todo o que temos preparado”, expresou.

A I Gala Solidaria Bicos de Papel en Ourense celebrarase o xoves 7 de novembro, ás 19:00 horas, no Teatro Principal de Ourense, coa apertura de portas ás 18:30 horas.

O evento estará presentado por Juan Maceiras, xunto cos nenos e nenas da asociación, e contará coas actuacións de Peter Punk, Besbellos, Escola de Danza Catro Pasos e Estudio Repenica. Ademais, haberá animación desde a apertura de portas e sorteos moi especiais durante a gala.

As entradas teñen un prezo de 8 euros, e os menores de 3 anos poderán acceder de forma gratuíta. No vestíbulo do teatro instalarase un espazo solidario con merchandising, photocall, pintacaras e obradoiros, onde o público poderá coñecer máis de preto o traballo da asociación.

Bicos de Papel busca con esta gala reforzar a súa presenza na provincia de Ourense e crear unha rede estable de voluntariado e colaboración local que permita achegar os seus programas e servizos ás familias ourensás, de maneira que poidan beneficiarse deles sen necesidade de desprazarse fóra da provincia cando o tratamento xa rematou.

“Queremos que as familias de Ourense non teñan que desprazarse para acceder aos nosos servizos gratuítos de apoio psicolóxico, rehabilitación ou terapia ocupacional. O noso obxectivo é poder ofrecelos tamén aquí, preto dos seus fogares”, explicou Dieste.

A asociación, formada por familias que viviron de preto o cancro infantil, promove ademais a humanización hospitalaria e o lecer fóra do entorno médico como parte da recuperación emocional. Actualmente conta con máis dun centenar de familias vinculadas, moitas delas ourensás, que seguen colaborando activamente unha vez finalizado o tratamento.

Sen os nosos voluntarios o traballo non sería posible, non chegaríamos tan lonxe nin poderiamos facer todo o que facemos. A todos, grazas”, concluíu a directora de Bicos de Papel.

Cómpre lembrar que Bicos de Papel desenvolve o seu traballo coas familias cuxos fillos e fillas foron ou están a ser tratados na Unidade de Oncoloxía Pediátrica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, unha unidade que atende a menores de toda a área sanitaria de Vigo e a pacientes pediátricos oncolóxicos da área de Ourense.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------