O futuro ‘Museo do Papel’ do Carballiño convértese hoxe nun lugar de encontro, inspiración e colaboración para mulleres emprendedoras de toda a provincia. A Deputación de Ourense e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE Ourense) foron os promotore da xornada “Emprendedoras na Fábrica”, que contou coa colaboración do Concello do Carballiño ao aportar o senlleiro espazo da antiga fábrica de papel da Lavandeira.
No acto de inauguración contou coa presenza do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, acompañado polo concelleiro de Turismo e Industria, Manuel Dacal; o presidente e a vicepresidenta da Deputación Provincial de Ourense, Luis Menor e Marta Nóvoa, e a presidenta de AJE Ourense, Noelia Rodríguez. Fumega deu á benvida aos representantes da institución provincial e lembrou que “nesta fábrica de papel traballaban mulleres, e por iso a voso potencial como emprendedoras vai repercutir no crecemento futuro de toda a provincia e tamén do Carballiño”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Pola súa banda, Luis Menor salientou que esta xornada exemplifica un dos piares do goberno provincial: a cooperación. “Queremos ser unha administración aberta e colaboradora, que escoite as demandas da sociedade e responda con axilidade e compromiso”, afirmou. O presidente subliñou tamén a importancia da colaboración coa AJE, “como mostra do traballo conxunto entre administración e tecido empresarial”, e o valor de visibilizar o liderado feminino dentro do movemento asociativo.
Durante o acto, Menor informou dos resultados da recente convocatoria do programa EmprendOU en feminino, que pechou o prazo de solicitudes o pasado 15 de outubro. Presentáronse un cento de proxectos empresariais iniciados por mulleres residentes en máis de 50 concellos da provincia, das cales 74 cumpriron todos os requisitos e recibirán a axuda provincial nas próximas semanas. “O noso obxectivo é ser unha administración áxil e eficaz: en menos de dez días hábiles desde o peche do prazo, todos os expedientes foron comprobados e aprobados pola Xunta de Goberno”, explicou o presidente, quen anunciou que o pagamento das axudas realizarase este mesmo mes.
Luis Menor adiantou ademais que a Deputación incorporará a partir de 2026 unha partida anual específica para apoiar as mulleres emprendedoras, garantindo a continuidade destas axudas nos vindeiros exercicios. “As beneficiarias do programa seguirán recibindo cada ano o 50% do Salario Mínimo Interprofesional, sempre que manteñan a súa actividade empresarial”, sinalou.
A xornada “Emprendedoras na Fábrica” incluíu mesas sectoriais con preto de 30 mulleres beneficiarias do programa EmprendOU, que compartiron as súas experiencias emprendedoras en distintos ámbitos, así como a participación de empresarias de AJE e un obradoiro sobre presenza dixital e comunicación nas novas empresas.
Todo albergado nunha paraxe emblemática como é a Fábrica de Papel, restaurada recentemente e situada no ‘pulmón verde’ do Carballiño, no Parque Etnográfico do río Arenteiro. Dende o Concello do Carballiño, que colabora na organización, destacan a importancia de acoller iniciativas deste tipo “que poñen en valor o talento feminino, impulsan o tecido empresarial da provincia e fomentan unha cultura emprendedora que contribúe ao desenvolvemento local e á igualdade de oportunidades”.
















