Ribadavia conmemora o 25N con actividades pola igualdade e contra a violencia de xénero

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia organiza ao longo do mes de novembro un completo programa de actividades con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía, fomentar a igualdade e ofrecer espazos de reflexión e aprendizaxe para todas as idades.

As accións comezarán o 19 de novembro na Casa da Cultura de Ribadavia, cun espectáculo de títeres titulado “Antón, un neno diferente”, dirixido a nenas e nenos de 7 a 10 anos, que terá lugar ás 10:30 horas.

O sábado 22 de novembro terá lugar en O Taller un obradoiro de chapas para nenas e nenos, con dous turnos (de 10,00 a 11,30 e de 11,30 a 13,00 horas). As persoas interesadas poderán inscribirse a través do número de WhatsApp 689567259.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Entre o 24 e o 28 de novembro, os centros sociais municipais acollerán un obradoiro de autoestima e prevención da violencia de xénero para mulleres, ás 16:00 horas, co propósito de promover o empoderamento feminino e ofrecer ferramentas de protección emocional.

Durante todo o mes de novembro, Ribadavia contará cun photocall pola igualdade, un espazo para que veciños e veciñas poidan facerse fotos e compartir mensaxes a favor da igualdade e contra a violencia de xénero.

Ademais, entre o 17 e o 28 de novembro, na Casa da Cultura, estará aberta a exposición de obras do alumnado dos centros escolares de Ribadavia, que recolle creacións artísticas centradas na igualdade e na loita contra a violencia de xénero.

A concelleira de Igualdade e Muller, Clara Loeda, salientou que “é fundamental que Ribadavia se una cada ano nesta data para dicir alto e claro que a violencia machista non ten cabida na nosa sociedade. A educación, a empatía e a participación comunitaria son as ferramentas máis poderosas para erradicala”. Loeda engadiu tamén que “queremos que estas actividades sexan un punto de encontro para todas as idades, un espazo de reflexión e tamén de esperanza, onde poidamos aprender e construír xuntas e xuntos unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias”.

Con este programa, o Concello de Ribadavia reafirma o seu compromiso cunha sociedade máis xusta e igualitaria, libre de violencia machista, e invita á veciñanza a participar activamente nestas actividades de concienciación e apoio colectivo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------