Máis dun milleiro de persoas traballadoras participaron nas manifestacións convocadas pola CIG nas sete cidades do país
Galiza, 5 de novembro de 2025.
O persoal do sector galego da construción amosou hoxe o seu músculo e capacidade de loita ao paralizar todas as grandes obras (practicamente o 100% das públicas e un 70% das privadas) nunha xornada de folga histórica para reclamar un marco galego que blinde os convenios provinciais e permita avanzar nas condicións e materias que a día de hoxe están reservadas ao convenio estatal. O éxito do paro de 24 horas convocado pola CIG evidenciouse tamén nos numerosos piquetes informativos e nas concorridas manifestacións que tiveron lugar nas sete cidades ao mediodía, a pesar dos intentos de boicot da patronal, que onte mesmo adiantou a xuntanza prevista para hoxe e pactou con CCOO e UGT a suba salarial de 2025 e 2026 coa pretensión de desmobilizar o sector.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Con todo, dende a Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG denuncian que o “pírrico” incremento de soldos non permite recuperar a perda de poder adquisitivo acumulada, que superou o 2% no período 2022-2024. “O persoal demostrou hoxe que está canso de que despois de anos de maltrato agora que sae á rúa para dignificar as súas condicións veñan a última hora con esmolas para intentar calarnos a boca”, sinala o secretario nacional da FCM-CIG, Plácido Valencia.
Ao mesmo tempo, lembra que a cláusula de revisión salarial do donvenio, “da que se acordan precisamente agora”, tiña que estar en nóminas desde xaneiro de 2025, “e para colmo só pagan a cuarta parte”. Ademais, o “negocio” do plan de pensión seguen a absorber parte destas subas salariais. “As persoas traballadoras do sector están fartas de que negocien por nós en Madrid, queremos mellorar as nosas condición e facelo dende aquí”.
Por iso a central sindical leva máis dun ano tentando reunirse co empresariado galego e as respectivas asociacións provinciais para abordar a posibilidade de avanzar nun marco regulador propio, logo da modificación lexislativa que prioriza os convenios e acordos interprofesionais autonómicos sobre os estatais. “Ir a un marco galego permitiríanos blindar os convenios provinciais fronte aos ataques da patronal estatal e deixar de estar baixo o xugo da negociación en Madrid, que ten reservadas a maioría das materias de negociación e que topa calquera mellora que se pacte a nivel provincial”.
Con este obxectivo, a central -como sindicato maioritario no sector en Galiza- dirixiuse por escrito ás catro patronais provinciais e á federación galega, FEGACONS, “pero só obtivemos a calada por resposta”. Unha actitude obstrucionista que levou a FCM-CIG a iniciar un calendario de mobilizacións e a tentar buscar un achegamento a través do Consello Galego de Relacións Laborais. “Para a nosa sorpresa, a postura da patronal foi vetar a presenza da CIG-Construción e do seu secretario nacional en calquera reunión para falar desta cuestión”, critica Valencia.
Considera esta actitude, que atribúe a unha postura persoal do presidente de FEGACONS, unha mostra de desprezo cara aos milleiros de persoas traballadoras da construción representadas pola CIG que, “por unha negativa irracional da patronal, se ven abocadas a ir á folga para que as súas demandas sexan escoitadas e para defender o dereito a negociar aquí as súas condicións laborais”.
En consecuencia, optou por promover primeiro distintas mobilizacións e posteriormente unha xornada de folga, a primeira convocada no sector dende hai medio século, e a resposta do conxunto do persoal foi contundente. “Paralizouse case ao 100% a obra pública, e arredor dun 70% a privada; a xornada foi un éxito, e quedou claro que as persoas traballadoras da contrución galega están preparadas para continuar coa loita na defensa dos seus dereitos e pola mellora das súas condicións laborais”.
Superar as limitacións do convenio estatal
A CIG iniste en que avanzar nun acordo galego permitiría mellorar as condicións de traballo, superar as limitacións que impón a negociación do convenio estatal en Madrid e facer máis atractivo un sector “no que día si e día tamén, o empresariado se queixa da falta de man de obra”. Mais tamén sería positivo para a propia patronal, xa que a negociación das condicións laborais “non virían impostas dende Madrid e poderían ser as máis adecuadas ao marco territorial de aplicación”.
De feito, o propio empresariado quéixase nas comisións de negociación provinciais das imposicións pactadas en Madrid que son de obrigatoria aplicación, como os plans privados de pensións na construción, ou a existencia mesma da Fundación Laboral da Construción.
Ademais, un marco galego reforzaría a seguridade xurídica da negociación provincial, ao evitar o que aconteceu co convenio da construción de Pontevedra ou co de pintura da Coruña, que unha vez publicados foron impugnados pola patronal estatal por recoller melloras por enriba do marco estatal.
















