Ourense, referente nacional en termalismo, coa aprobación do “Plan Termal” da Deputación

A Conferencia Sectorial de Turismo aprobou hoxe Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense Termal”, no que se investirán máis de tres millóns de euros para infraestruturas, servizos e equipamento, “que nos permitirá situar á nosa provincia á vangarda das iniciativas termais”, afirma Manuel Baltar 

O presidente da Deputación e da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, considera que este investimento “permitirá ofrecer desde Ourense unha oferta singular e competitiva cos grandes territorios europeos do termalismo” 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 28 de xullo de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, cualificou hoxe “avance fundamental para a nosa riqueza termal” a aprobación do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino “Ourense Termal”, que vén de referendar a Conferencia Sectorial de Turismo, presidida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, na que toman parte as Comunidades Autónomas e a FEMP. 

Este Plan sintetiza unha estratexia para xerar competitividade nos municipios termais rurais da provincia de Ourense, sendo un dos 23 proxectos elixidos de entre as 301 candidaturas presentadas e a única delas coa singularidade termal. Prevé unha dotación de máis de tres millóns de euros a executar entre as anualidades 2022-2024, co cofinanciamento do Ministerio, Turismo de Galicia e a Deputación de Ourense. Destes, aproximadamente dous millóns de euros destinaríanse a infraestruturas, servizos e dotación de equipamentos que permitan presentar unha oferta turística innovadora e sostible, e realizar as captacións hidroxeolóxicas orientadas a novos investimentos no futuro. 

“O plan permitiranos situar á nosa provincia á vangarda das iniciativas termais”, afirma Manuel Baltar, quen salienta, tamén como presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, que este investimento “ofrecerá desde Ourense unha oferta singular e competitiva cos grandes territorios europeos do termalismo”. 

As diferentes actuacións do plan están distribuídas en cinco eixos programáticos en liña coa Estratexia Española de Desenvolvemento Turístico Sostible e estrutúranse entorno a: gobernanza colaborativa, crecemento sostible, transformación competitiva, dotación de espazos turísticos e capacitación profesional, así como desenvolvemento e promoción de produtos turísticos termais innovadores. 

Este novo gran proxecto, “Ourense Termal”, co enfoque da sustentabilidade, “permitirá avanzar na estratexia de posicionamento único que a provincia de Ourense ten en España como destino termal, á vez que continuar liderando internacionalmente a cooperación en “intelixencia turística” a través da creación do Observatorio Mundial do Termalismo, que se enmarca dentro desta planificación”, afirma o presidente Baltar, quen desde a súa Presidencia do Foro Termal do Eixo Atlántico apunta tamén o reforzamento que o Plan “Ourense Termal” suporá para o fluxo turístico entre Ourense e o Norte de Portugal “que se verá notablemente incrementado”. 

Precisamente, foi en marzo pasado cando Deputación de Ourense e Xunta acordaron reactivar a candidatura do plan “Ourense, a provincia termal” á convocatoria dos programas de sustentabilidade turística que a Secretaría de Estado de Turismo  que hoxe culmina este primeiro percorrido con éxito. “O termalismo, ademais de auga e saúde, está chamado a ser un polo de atracción turística estratéxico para a nosa provincia”, expresa Manuel Baltar, quen avanza que coa mellora das condicións sanitarias “imos asistir a un rexurdimento da actividade turística”. 

Baltar salienta que a Deputación vén de traballar coa Xunta de Galicia no ámbito termal desde 2014, a través dun plan de actuación no que xa están executadas o 75 % das accións previstas, “o que demostra que a cooperación está no noso ADN porque creemos que esa sinerxia entre administracións é básica”, dixo, remarcando que a colaboración entre Deputación e Xunta “é un piar fundamental”, lembrando actuacións como o plan de termalismo social, os investimentos en infraestruturas termais -entre eles os traballos de posta a punto do balneario novo de Berán-, ou a mellora dos servizos que se prestan nas instalacións balnearias aos usuarios. 

No plan “Ourense Termal” tería cabida tamén o futuro gran hotel balneario de Ourense, “a infraestrutura que precisamos para que a cidade teña a plena condición de capital termal, e estou convencido de que no Pazo Provincial atoparemos o caudal termal suficiente para converter este edificio nun balneario de referencia en Europa”, afirma Baltar, quen lembra que xa está encargado o anteproxecto das instalacións e que se están a manter contactos con investidores privados interesados nesta infraestrutura.