A Escola KYO HKD do Carballiño vén de participar no Campionato de España de Hapkido, celebrado o pasado sábado, día 8 de novembro, en Sevilla. O evento, organizado polo departamento nacional de Hapkido pertencente á Real Federación Española de Taekwondo e D.A., contou cunha ampla representación de clubes e federacións de todo o país.
A escola carballiñesa estivo presente tanto como clube como a través da Federación Galega de Hapkido cun total de 17 deportistas: 10 representando á escola e 7 formando parte da selección galega, que logrou un destacado segundo posto por comunidades autónomas. Ademais, KYO HKD volveu a casa con tres medallas. Adrián Novoa logrou a prata en sénior 2 individual, cinturón negro; Noelia Blanco levouse o bronce en sénior 2 individual, e Iván Luis fíxose coa prata en máster 1.
O equipo, dirixido polo mestre Fidel Gómez, viaxou a Sevilla acompañado de deportistas de diferentes idades e categorías, que afrontaron a competición con ilusión, esforzo e gran espírito deportivo. Máis alá dos resultados, a experiencia supuxo un importante paso na formación e crecemento técnico do alumnado, reforzando valores como a disciplina, a superación e o traballo en equipo. “Ver aos nosos deportistas competir nun campionato nacional é un orgullo e unha recompensa ao traballo constante de todo o ano”, sinala Fidel Gómez, quen subliña a importancia de seguir fomentando a práctica do Hapkido como ferramenta de desarrollo personal e deportivo.
Cabe salientar que a escola carballiñesa pertence á International Hapkido Federation (IHF), organización internacional con sede en Corea do Sur.
















