O festival Xociviga ofrecerá a estrea e proxección de curtametraxes de 22 países do 19 ao 23 de novembro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello do Carballiño impulsa do 19 ao 23 de novembro o Festival Internacional de Curtametraxes Xociviga, que se consolida na súa segunda edición despois da renovación da proposta en 2024. Neste sentido, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, salientou o esforzo e o traballo desenvolto polos irmáns Mario e Daniel Fernández Filloy, artífices da renovación e directores artísticos do actual festival, que acompañaron hoxe ao edil na presentación da programación. O éxito de 2024 tradúcese nas máis de 1.000 curtas recibidas desde a apertura da convocatoria desta nova edición, así como na crecente proxección internacional da cita cultural.

O público poderá desfrutar do 19 ao 23 de novembro no Auditorio Manuel María de producións audiovisuais de 22 nacionalidades distintas, desde Francia a China, Exipto ou Indonesia, cunha estrea mundial e de 18 curtas internacionais que se verán por primeira vez en Galicia e catro que se verán por primeira vez en España. As sesións levaranse a cabo do xoves, día 20, ao sábado 22, en horarios de 17,30, 19,00 e 20,30 horas.

Precisamente, esta pasada fin de semana desvelouse cál vai ser esa estrea mundial, que se proxectará o día da inauguración, o mércores día 19, ás 20,30 horas, no Auditorio Manuel María. Trátase de “As maos da pulpeira”, unha curtametraxe dirixida por Silvia Cachafeiro que se rodou a finais de 2024 en escenarios naturais como o campo de A Saleta ou urbanos como a vila de Ribadavia. “A cinta foi producida pola recoñecida compañía Matriuska Producciones e conta con financiamento do ICAA, Deputación de Ourense e Agadic, e coa colaboración do Concello do Carballiño”, tal e como lembrou Mario Fernández.

Catro seccións

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O festival conta con catro seccións: Xentes, Xénese, Infantil e Videoclip. O primeiro bloque, o máis grande, é a sección oficial internacional Xentes, na que se combinan 22 curtametraxes internacionais con 4 galegas. As propostas inclúen estilos variados e linguaxes innovadoras. Un xurado profesional otorgará o premio Xentes, valorado en 1.500 euros, mentres as catro curtas galegas, por outra banda, tamén optan ao premio Xentes de aquí, valorado en 1.000 euros. O xurado estará integrado por Rebeca Losada, deseñadora; Alberto Lovelle, director de cine e televisión e Noelia Pampín, productora de teatro e audiovisual.

A sección Xénese dá cabida a curtas realizadas por menores de 30 anos do territorio peninsular, que presentarán novas formas de facer cinema, de narrar e mesmo de imaxinar o mundo. Neste caso será un xurado novo, composto por antigos alumnos de Escolas de Audiovisuais, o que conceda o galardón de 500 euros á mellor curtametraxe e o galardón de 500 euros á mellor dirección de fotografía xove. A sección Videoclip, pola súa parte, inclúe videoclips galegos que o público poderá votar polas redes sociais. O galardón á mellor produción é de 300 euros.

“Este ano colaboramos cos centros educativos, polo que temos unha sección Infantil que reúne curtas de temáticas divertidas que apostan pola sensibilidade, o humor e a emoción como ferramentas para educar e entreter”, sinalou Daniel Fernández, que avanzou que haberá unha proxección para o estudantado do IES Nº1 o mércores 19, ás 11,30 horas, e outras dúas, o xoves 20 e o venres 21, á mesma hora, para o alumnado de primaria dos colexios da vila, todas elas no Auditorio Manuel María.

O público, ademais, poderá votar tras cada sesión para decidir o Premio do Público, valorado en 500 euros en metálico. Así, o Auditorio acollerá o domingo 23 pola tarde as proxeccións das curtametraxes e a gala de entrega de premios.

Una das novidades desta nova edición é un obradoiro infantil de foley e dobraxe, no que os nenos e nenas poderán descubrir como se fan os sons e como se dobran os diálogos nas producións audiovisuais. A actividade, dirixida a rapaces e rapazas de 7 a 12 anos, levarase a cabo o sábado 15 de novembro.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------