Ribadavia, presente no ‘V Congreso Nacional de Pueblos Mágicos de España’ que se celebra en Guadalajara

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ribadavia, recoñecida por conservar o seu patrimonio histórico e cultural, participa no ‘V Congreso Nacional de Pueblos Mágicos de España’, que se celebra desde onte, venres 14 e ata ao domingo 16 de novembro en Brihuega (Guadalajara). A concelleira de Cultura e Turismo, Yolanda Gómez, e o tenente alcalde, Miguel García, representan ao Concello nesta cita que reúne a máis de 150 municipios de toda España.

Durante tres días, o encontro servirá para analizar os grandes retos do territorio, como a sustentabilidade, o emprego rural, a vivenda e a despoboación, ademais de presentar oficialmente os proxectos “Empresas Mágicas de España” e “Lugares Mágicos de España”, iniciativas que buscan impulsar o desenvolvemento rural equilibrado e sostible.

“Para Ribadavia é unha oportunidade única para aprender, compartir experiencias e situar o noso municipio no mapa do desenvolvemento rural innovador e sostible”, sinala Yolanda Gómez. “Participar neste congreso permite visibilizar a nosa aposta polo turismo de calidade, o patrimonio cultural e natural, e o emprego local”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O proxecto Empresas Mágicas de España pretende conectar ás empresas co desenvolvemento do territorio, promovendo iniciativas que xeren valor social e económico nos municipios rurais, mentres que Lugares Mágicos de España amplía o universo dos Pueblos Mágicos incorporando espazos naturais, rutas culturais e enclaves patrimoniais de alto valor turístico e medioambiental.

A presenza de Ribadavia neste encontro reforza o compromiso do Concello co turismo responsable, a innovación e a creación de valor compartido, ao tempo que permite establecer contacto con outras localidades e actores implicados no desenvolvemento rural.

“Ribadavia é un exemplo de pobo que combina historia, natureza e identidade cultural. Traer esta experiencia ao V Congreso permite seguir consolidando a nosa aposta por un desenvolvemento sostible e que beneficie a veciñanza”, engadíu Miguel García.

O V Congreso Nacional de Pueblos Mágicos de España contará tamén con actividades culturais, visitas guiadas e momentos de convivencia entre os participantes, reforzando a conexión e o intercambio de coñecemento entre os municipios da rede.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------