O Teatro Principal acolle o 15 de novembro a estrea mundial de “Nas nubes”, a nova proposta escénica de Redrum Teatro

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Dirixida por Alex Sampayo e interpretada por Julio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo, esta obra combina humor, surrealismo e reflexión filosófica, e propón unha mirada crítica e divertida sobre o impacto da tecnoloxía nas nosas vidas e na construción da identidade

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, animou ao público ourensán a asistir a esta estrea “que ten un claro aroma a dúbida cartesiana de Descartes, sendo unha dicotomía que ten dado grandes éxitos como foi Matrix”

Ourense, 14 de novembro de 2025

O Teatro Principal de Ourense acollerá o vindeiro 15 de novembro a estrea mundial de “Nas Nubes”, o novo espectáculo da compañía Redrum Teatro, dirixido por Alex Sampayo e interpretado por Julio Abonjo, Carlota Mosquera e Guillermo Carbajo. A obra, que combina humor, surrealismo e reflexión filosófica, propón unha mirada crítica e divertida sobre o impacto da tecnoloxía nas nosas vidas e na construción da identidade.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ambientada nun futuro non tan afastado, Nas Nubes sitúa o público nun museo de “reliquias predixitais” guiado por Nexus e Rino, dous personaxes que acompañan aos visitantes nun percorrido tan cómico como inquietante. O que comeza como unha sátira sobre o presente acaba converténdose nunha fábula contemporánea sobre a memoria, a realidade e o que significa ser humano, cando unhas misteriosas mariposas que xorden dun bonsai comezan a recordar que poderían ter sido algo máis.

OS MELLORES ESTABLECEMENTOS

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, expresou que esta obra “ten un claro aroma a dúbida cartesiana de Descartes, sendo unha dicotomía que ten dado grandes éxitos como foi Matrix” e animou o público ourensán a non perderse este espectáculo. O director da Agadic, Jacobo Sutil, expresou os seus parabéns á compañía –”un equipo artístico de primeiro nivel”, dixo- e ao Teatro Principal por este espectáculo co que colabora a Xunta a través da Axencia Galega de Industrias Culturais e patrocinado pola Deputación.

A obra, definida polo seu director, Alex Sampayo, como “unha comedia surrealista, distópica e futurista sen deixar de ser un espectáculo para toda a familia”, mestura números circenses, improvisación e humor absurdo, apela directamente a unha sociedade inmersa en pantallas, redes sociais e identidades dixitais que se reconstrúen a cada instante. A través da risa, Nas Nubes invita a reflexionar sobre a fraxilidade da memoria, as novas formas de relacionarnos e a crecente substitución da experiencia física pola virtual.

A pregunta central que latexa durante toda a peza —que é real cando os recordos se esvaen?— conecta coas inquedanzas contemporáneas sobre a tecnoloxía, a desconexión emocional e a liña difusa entre o humano e o artificial. “Un soño dentro dun soño que se canaliza a través do sentido do humor”, foi a definición da actriz ourensá Carlota Mosquera, integrante do elenco de Nas Nubes.

Unha produción para todos os públicos

Redrum Teatro ofrece unha proposta visualmente atractiva, intelixente e accesible, que combina entretemento, reflexión e unha forte carga poética. O espectáculo, que xa xerou grande expectación, está pensado para públicos de todas as idades que desexen gozar dunha experiencia teatral fresca, sorprendente e profundamente actual.

Nas Nubes representarase no Teatro Principal de Ourense o 15 de novembro ás 20.00 horas. Tal e como explicou a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, as entradas están dispoñibles a través da billeteira do Teatro Principal dúas horas antes do espectáculo e a través da web de ataquilla na seguinte ligazón https://entradas.ataquilla.com/es/ventaentradas/default_category/234-teatro-principal-de-ourense/x3aj3569-redrun-teatro-22nas-nubes22

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------