O sábado, 6 de decembro, o ciclista limiao Carlos Canal recibirá o Premio Pedra Alta, que anualmente concede o Padroado do Museo da Limia
Ezequiel Mosquera, organizador da Volta Internacional O Gran Camiño e 2º na Vuelta a España de 2010, será o encargado de entregarlle o Pedra Alta ao agasallado e de facer a laudatio do premiado
O Museo da Limia anima aos amantes da bicicleta a que nos acompañen nos actos de homenaxe a Carlos Canal
Esta mañá, na tetería Ágora de Xinzo, representantes do Padroado do Museo da Limia (Delfín Caseiro, Mercedes Veites, Antón Jardón, Alba Barreira e Manuel Traveso) e o escultor limiao, X.L. Carreira, presentaron os actos da VIII edición do Premio Pedra Alta.

O acto, que se celebrará o vindeiro 6 de decembro, aberto a cantos queiran asistir, comezará ás 11:15 horas cunha xornada de portas abertas no Museo da Limia e desenvolverase formalmente ás 12:00 horas no salón multiusos do concello de Vilar de Santos. Concluirá cun espléndido xantar de fraternidade e promoción de produtos gastronómicos limiaos no restaurante Novaíño de Sandiás. Quen desexe acudir ao xantar debe inscribirse e aboar 30€ antes do vindeiro día 1 de decembro. A comida é custeada integramente polos asistentes.
O premio consiste nun diploma de recoñecemento e nunha réplica do menhir atopado na Lagoa da Antela, coñecido como Pedra Alta, achega altruísta do escultor limiao, Xosé Lois Carreira. O acompañamento musical, como é habitual neste evento, estará a cargo de Luis Humberto Cao e Baldemoro Pavón.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Na persoa de Carlos Canal, un mozo que xa é deportista de elite no mundo do ciclismo, grazas ao seu esforzo e determinación, o Museo da Limia quere renderlle tributo aos limiaos e ás limiás que usaron e usan a bicicleta para os seus desprazamento e lecer. A proliferación deste vehículo, tan respectuoso co medio ambiente, propiciou a apertura de talleres de bicicletas en case todos os concellos da comarca.
Este vehículo humilde move centos de millóns de persoas no planeta. A bicicleta é un medio de transporte moi arraigado na comarca, onde homes e mulleres a seguen utilizando acotío para se desprazaren. Coa concesión deste galardón ao ciclista Carlos Canal, tamén queremos animar á mocidade á práctica deste deporte e ao conxunto da poboación a que faga uso da bicicleta de maneira asidua para mellor coidar a saúde persoal e a ambiental, tan necesaria na comarca.
Este ano, canda o Pedra Alta, o Museo da Limia e a Asociación de Artesáns, Limiar, poñen en marcha unha nova iniciativa que cómpre salientar: Ampliase o ámbito da asociación, coa vontade de poñer en valor os produtos alimentarios que, de xeito artesanal, se elaboran na nosa comarca, incorporando ao xantar as creacións dos primeiros participantes. Varios artesáns promoverán os seus produtos, no comedor onde se celebra o xantar.
Maiormente, canda varios produtores do territorio, súmanse ao restaurante Novaíño novos colaboradores: A tenda e taller de bicicletas Quellemoto, patrocinadora do díptico dedicado a Carlos Canal e Bodegas Ladairo SL.
[Carlos Canal Blanco (Xinzo de Limia, 28/06/2001), corredor profesional do Equipo Movistar, iníciase no deporte na Escola de Ciclismo JA Hermida do Clube Ciclista Maceda, onde entra con 14 anos. Permanece aquí ate finalizar a categoría xúnior, pasando directamente á categoría profesional co equipo Burgos-BH, o que non resulta doado no ámbito ciclista. Co Clube Ciclista Maceda conquista varios Campionatos de España, tanto na disciplina de Btt como de Ciclocross: venceu en dúas Copas do Mundo Xúnior de Btt e obtén podio en senllas copas do mundo de Ciclocross en Francia e Holanda. Estes e outros logros precoces válenlle para que o mundo profesional lle abra as súas portas.
Pasa polos equipos Burgos Bh e Euskatel Euskadi, cos que participa na Vuelta a España e outras carreiras de máximo nivel. A súa constante progresión fai que o Movistar, equipo da máxima categoría no mundo do ciclismo, o fichase. Con apenas 24 anos, Carlos ten participado nas mellores probas do ciclismo mundial, sobre todo na especialidade de clásicas, mellorando ano a ano e competindo nas últimas carreiras cos mellores corredores da disciplina, quedando ás portas de conseguir algunha vitoria de etapa, que logo ha de chegar. Carlos Canal é hoxe o mellor ciclista galego de estrada e o único que milita nun equipo categoría World Tour. Magnífico referente do ciclismo galego, instalado xa na elite, leva con orgullo o nome da Limia por todo o mundo]
BASES DO PREMIO PEDRA ALTA
1º.- O Premio Pedra Alta terá un único galardoado e a súa periodicidade será anual.
2º.- Poderán ser candidatos/as as persoas físicas, asociacións ou institucións vivas, cuxa obra, accións, creacións ou achegas garden relacións estreitas ou vaian dirixidas ás Terras do Limia. Tamén poderán ser merecentes do Premio as persoas, asociacións ou institucións vivas moi identificadas co territorio aínda que a súa obra ou actividade se proxecte fóra do mesmo.
3º.- Cada membro do Consello Asesor poderá propor as candidaturas que considere oportunas.
4º.- Correspóndelle ao Consello Asesor debater as propostas recibidas e as que se formulen directamente, nunha xuntanza que deberá celebrarse en outubro e elevar á Xunta Directiva un ou varios candidatos.
5º.- Tamén serán consideradas as propostas que cheguen avaladas cando menos por cinco persoas ou por unha asociación ou institución das Terras do Limia.
6º.- Correspóndelle á Xunta Directiva resolver sobre a proposta do Consello Asesor, concedendo ou deixando deserto o Premio Pedra Alta.
7º.- O Premio Pedra Alta entregarase antes de rematar o ano e consistirá nunha copia en granito do menhir coñecido co mesmo nome, situado no corazón da Antela que, de xeito altruísta, elaborará o escultor e membro do Consello Asesor, Xosé Lois Carreira, e máis un diploma acreditativo que confeccionarán os tamén membros do citado órgano, Manolo Seoane e Lola Peláez.
8º.- No acto solemne de entrega haberá unha lección maxistral do/a premiado/a, precedida dunha laudatio por parte da persoa que este mesmo decida previamente. Vil

















