– O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá á Casa da Cultura de Xinzo de Limia para asistir ao desenvolvemento do proxecto sobre a obesidade infantil, ‘A Nova Pandemia’ no que participan aproximadamente 270 alumnos e alumnos do CEIP Rosalía de Castro.
O delegado territorial explicou que a obesidade é un problema de saúde pública entre os máis cativos que cómpre afrontar, non só porque a obesidade en idade infantil é o principal factor de risco para a obesidade no adulto, senón tamén porque se asocia con graves patoloxías, xa en idades temperás, como as enfermidades cardiovasculares, a síndrome metabólica, a diabetes e con problemas psicosociais.
Gabriel Alén amosou a necesidade de concienciar á sociedade na importancia da prevención, estimulando a participación e a implicación das familias, as institucións ou incluso as empresas do sector agroalimentario; por iso recalcou que dende a Xunta, “estamos traballando todos xuntos para intentar diminuír o número de rapaces e rapazas con problemas de sobrepeso e de obesidade”.
Fixo referencia o delegado territorial ao recente anuncio do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, da posta en marcha dun pacto autonómico no Parlamento de Galicia para desenvolver o Plan de Obesidade Zero 2022-2030. O plan ten o obxectivo de reducir o sobrepeso nun 15% da poboación galega no 2030, isto é que 189.000 galegos deixen de ter sobrepeso ou obesidade.
Con este plan diminuiranse os niveis de sobrepeso e obesidade da poboación galega dunha maneira positiva, é dicir, -matizou Gabriel Alén- “promovendo os factores protectores fronte ao sobrepeso e a obesidade, que son a alimentación equilibrada, a actividade física regular e evitar o sedentarismo. Estes factores están, ademais, relacionados uns con outros, de maneira que cando mellora un, o fan os outros tres”.
Adicionalmente, o plan propón facelo buscando que a opción saudable sexa a máis fácil de elixir, coas intervencións que amosan evidencia da súa eficacia que son, en primeiro lugar, modificar as contornas; en segundo término, capacitar na toma de decisións e, en terceiro, fomentar a investigación e a innovación en promoción da saúde. Todo isto, -remarcou o delegado territorial-, “tendo presente que a peza clave é traballar de maneira coordinada e conxunta baixo unha perspectiva de saúde en todas as políticas”.
Tal e como recordou Gabriel Alén, o plan estrutúrase en tres eixos estratéxicos, once obxectivos e 41 accións. O primeiro dos eixos céntrase en potenciar as contornas promotoras de saúde, identificando cinco delas sobre as que actuar, a política, a escolar, a laboral, a comunitaria, e a sanitaria e sociosanitaria. O segundo dos eixos baséase na capacitación para a toma de decisións máis saudables, e o terceiro incide na investigación e innovación en promoción da saúde.
O proxecto sobre a obesidade infantil, ‘A Nova Pandemia’ está e organizado polo Servizo de Atención Primaria de Xinzo de Limia, e as charlas informativas e interactivas cos escolares son impartidas por unha MIR de medicina Familiar e Comunitaria e unha enfermeira de Pediatría.