A Escola Madokoan do Carballiño é a entidade seleccionada polo xurado para recibir o galardón de Deportes nesta 14ª edición dos Premios Arenteira, tendo en conta a súa traxectoria no Carballiño como centro de ensino de diferentes artes marcíais dende a súa creación nos anos 90 do pasado século.
Unha escola que naceu da man de Claudio Mateo (O Irixo, 1968), que xa con 13 anos daba as súas primeiras patadas de hapkido no ximnasio ourensán de Kim, á vez que tamén adquiría coñecementos de acupuntura. Tras rematar o Bacharelato, traballou na chocolatería dos seus pais para aforrar e abrir así o seu propio ximnasio, mentres impartía clases de hapkido no IES Nº 1 a máis de 100 estudantes.
A finais dos anos 90, Claudio tamén se formaría en spinning, sendo pioneiro en Galicia en ser monitor e de xeito que o seu ximnasio foi o primeiro en poñer a disposición dos usuarios esta actividade de mobilidade ximnástica. Xa no 2008 entraría no mundo do kickboxing, conquerindo que diversos competidores da súa escola obtiveran grandes resultados a nivel nacional e internacional, e convertendo a Madokoan nun referente deportivo polo que teñen pasado máis dun milleiro de alumnas e alumnos nestes 40 anos de andaina.
Un ximnasio que obtivo hai un ano unha valoración media de 4.7 sobre 5.00 na web especializada gimnasiostop.com, ao ser considerado polos seus usuarios e usuarias “un lugar popular entre os amantes do fitness”, e cunhas “instalacións modernas, equipamento de alta calidade e unha ampla variedade de clases e servizos”.
A criterio do xurado dos Arenteira, a Escola Madokoan desenvolve “unha intensa actividade formativa con cativos, na que é un referente a nivel galego, pasando por deportistas na elite competitiva e outras persoas xa en idade fóra da competición do hapkido, kickboxing e outras artes marciais, dando como froito a consecución de diversos campionatos e premios individuais e colectivos a nivel galego e estatal”.
O vindeiro día 28 de novembro, venres, terá lugar ás 20,30 horas no Auditorio Manuel María do Carballiño a gala dos Premios Arenteira correspondentes a esta 14ª edición, na que se lle entregará a Claudio Mateo o seu distintivo de recoñecemento.
Un acto ao que está convidados tódolos seus amigos, alumnos e exalumnos da Escola Madokoan, así como toda a veciñanza en xeral que desexe asistir á celebración.

















