O PSOE de Punxín esixe unha solución urxente ante a falla de facultativos no centro de saúde

O PSdeG-PSOE de Punxín esixe unha solución “urxente” ante a falta de facultativas no centro de saúde do municipio que se está a producir nos últimos meses. As e os socialistas acusan ao goberno municipal do Partido Popular de optar pola “desidia” e de amosar “total desinterese” ante unha situación que cualifican de “moi grave”, xa que esta causando prexuízos á veciñanza.

Dende o Grupo Municipal Socialista subliñan que a situación que se está vivindo no centro de saúde do municipio “é unha auténtica tomadura de pelo”, xa que tal e como apuntan “aínda que os veciños e veciñas acudan con cita previa, non saben si serán atendidos, xa que en ocasións non hai persoal para poder dar cobertura sanitaria”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, explica que “aínda que segundo o Sergas, o centro de saúde de Punxín conta con dúas médicas, a realidade é moi distinta” e sinala que “os e as pacientes, que chegan con cita previa ao centro de saúde, atópanse con que non hai persoal no centro”, algo que tal e como apunta “pasou no día de onte, sen ir máis lonxe”.

As concelleiras socialistas lembran que en xullo do 2022, os 3 concelleiros do Partido Popular, co alcalde á cabeza, e o concelleiro non adscrito votaron en contra dunha moción socialista na que pedían que se cubrise a praza de médica vacante nas condicións que estaba anteriormente. “O goberno municipal opta por apoiar e aplaudir os recortes sanitarios levados a cabo no centro de saúde de Punxín e amosan a súa falta total de interese por manter un servizo tan esencial para a veciñanza como é o sanitario”.

Ante esta situación, a voceira socialista, Lorena Peleteiro, amosa a súa “fonda preocupación ante os recortes, o desmantelamento e a precarización da sanidade en Punxín” e manifesta que “non descartamos tomar algunha medida de mobilización coa veciñanza para loitar por un servizo que consideramos indispensable para o noso municipio”.

Para o PSdeG-PSOE este é un “novo episodio” do capítulo de “desleixo” e “abandono” co que o Partido Popular de Galicia e Alfonso Rueda tratan á provincia de Ourense, co “beneplácito e complicidade” do goberno municipal de Punxín. Os e as socialistas esixen “solucións inmediatas” a esta problemática, xa que segundo apuntan “están rematando coa sanidade do rural e obrigando á veciñanza a marchar a outros municipios para poder ter uns servizos dignos”. Neste senso, tamén destacan que “de pouco vale traer un autobús polos municipios prestando servizos sanitarios se a veciñanza non dispón dunha atención sanitaria digna no seu día a día”.