O pasado día 30 de outubro o PSOE interpuxo no xulgado un recurso contencioso-administrativo en contra da resolución do pleno de Constitución trala moción de censura en Castrelo de Miño, baseándose nunha sentencia do Tribunal Supremo na que se indica que os concelleiros tránsfugas non poden asumir novos cargos ou retribucións que supoñan melloras políticas ou económicas superiores que as que lle corresponderían de haber permanecido no grupo de procedencia.

A semana pasada foi admitida a trámite esta demanda, e xa que o Alcalde de Castrelo non actuou de oficio, a formación asegura que se viu na obriga de poñer esta demanda. Alegan que ese pleno de Constitución de Goberno celebrouse o día 31 de agosto e expiraba o prazo de impugnación o 31 de outubro, coa única intención de que no Concello non se cometa unha ilegalidade, aseguran. Hoxe, a portavoz, Catalina González, explicouno en rolda de prensa acompañada por membros do partido.