O noso colaborador Xulio Dobarro mandanos esta crónica sobre a Romaría da Pena da Sela que tivo lugar onte no Irixo

Publicidade

 No día de onte, catro de xullo de 2021, primeiro domingo do mes, concelebrouse na contorna da carballeira do monte da Pena da Sela (Savedra-Dadín), a romaría da que xa se anticipou neste mesmo mesmo medio de comunicación algo sobre a súa historia relixiosa e tamén profana, é dicir, unha celebración na que se mestura  a fe na devoción á virxe do Carme  e a esmorga que, ao longo de varios séculos, ten movido a propios e estraños nese día, cando desde primeira hora da mañá romeiros e romeiras saían dos seus lares para renderse diante a imaxe da virxe.

 Este último encontro de devotos tivo que adaptarse ás restricións da situación pandémica que estamos a vivir; de tal xeito que algunha práctica habitual non se puido levar a cabo, como por exemplo o que tradicionamente se chama “A baixada da Santa” desde a capela á igrexa parroquial, uns días antes da xornada central, e, polo tanto, tampouco se realizou a procesión que a tradición nos vén dicindo que se realice ao longo da estrada que comunica O Carballiño con Lalín ao seu paso pola parroquia, que cando pasa pola Bugalleira do “medio” deixa á esquerda o peto esmoleiro adicado precisamente á Santa obxecto de devoción. (Nesta ocasión, o trazado ao que nos estamos a referir, ao seu paso polo lugar do Ballote, quedou marcado pola desgraza no día anterior cando nun tráxico accidente de tráfico faleceu un veciño da parroquia de Loureiro e outro do Campo quedou gravemente ferido.Terrible coincidencia, pero, quizais mellor que a procesión non se realizara, aínda que fose pola COVID, pero que, dada a inmediatez do suceso, evitou moitas bágoas).

Primeira misa de campaña da xornada que oficia o párroco da parroquia, don Emmanuel

O día presentouse neboento e inestable, pero iso non foi inconveniente, para que desde primeira hora da xornada moitos camiñantes e ciclistas fosen aparecendo pola estrada cos chaleques reflectantes e animados a participar dalgunha das celebracións eucarísticas que ao longo da mañá e de xeito tímido ían anunciando as bombas de palenque.

 O ambiente arredor da capela non era o mesmo ca o doutras edicións que, sen lugar a dúbidas, temos que interpretar en clave pandémica.Si había algúns postos que forman parte da tradición máis afastada: os exvotos de cera para ofrecerllos á virxe, as rosquillas que non podían faltar en toda  festa que se prece, e como non, a pota do polbo, o churrasco e o pan de Cea, ou do Irixo.

 Resulta curioso observar como ao redor da capela consérvase unha frondosa carballeira que en condicións normais protexería do sol aos miles de romeiros que se achegarían neste día ata o santuario, sen embargo, os toxais estremeiros o que presentan son toxos e piñeiros; isto fainos cabilar que, de xeito natural, a vexetación espontánea máis ben sería destas dúas últimas especies, porque, ademais, non agorgulla a auga de xeito espontáneo, foi preciso extraer auga para ese día por medio dun puzo artesán que, como xa se dixo é de construción moi recente.Polo tanto, na miña humilde opinión, eses carballos centenarios serían plantados e protexidos tal e como nos foron legados.

O vello palco, “torreiro” que, tempo atrás acollía a celebración da misa e a actuación musical

 A copla que xa adiantaramos o outro día,-atribuída aos músicos deVeiga- e que fai referencia a esta e outras romarías da bisbarra,repasámola de novo:

“Se vos gustou esta copla

tocarémola outro día,

que son as doce da noite

e mañá é outro día.”

 A paisaxe do recinto ten mudado en certo sentido con esas construcións tipo “alpendre” para acoller a celebración da misa de campaña, e cuxo modelo se transladou ao que algúns veciños da parroquia, sobre todo de Saavedra, levantaron nos seus toxais para xantaren máis abrigados e máis cómodos o día da romaría.

 A romaría da Virxe da Pena da Sela, pode considerarse como a primeira no calendario das que se manteñen vivas na bisbarra do Carballiño; así, o día vinte e dous deste mes, e despois de deixar pasar a festividade da Santa Mariña na Cidá e en Loureiro, ou o Santiago e As Dores en Corneda o día de Galicia; na parroquia de Santa Uxía, concello do Carballiño, entre sombrizas carballas, abondosas e frescas fontes de augas cristalinas, chega a Madanela. Ata aquí percorriamos a pé ou a cabalo moita veciñanza do Irixo, salvando algunha que outra dificultade ao noso paso polo monte de Orosa-Casares, A Pena Grande ou o escondido Valduíde, que, despois viamos compensado o sacrifizo polas refrescantes e salutíferas augas de Lousado (Lousadiño para os de Santa Uxía).

 No mes de setembro, outra romaría moi  popular para a comarca do Carballiño: a que pon o ramo ás festas do setembro do Carballiño, o San Cibrao: A Saleta, en As Astureses, que, segundo a tradición, era costume que ese día se puidese degustar a proba do viño da nova colleita.

 No día de onte, na Pena da Sela, non tiven a oportunidade de presenzar algunhas escenas moi comúns en tempos non moi lonxanos: acudir descalzos desde lugares ben afastados, ou dar varias voltas de xeonllos ao redor da capela, pero sí outras que, a pesar da pandemia se puideron ver: pasar por debaixo das andas da virxe ou restregar con algún pano a imaxe, ademais das ofrendas en metálico.

 Con respecto á devoción á Santa, e a raíz da cronica anterior que a tiña como protagonista, foi recibido  algún comentario ao estilo de que, unhas veces por devoción e outras por obrigación, moitas persoas foron a pé cumprindo a promesa para que aquela intercedese por elas en situacións de dificultade. Sobre todo eran as nais as que promovían esta devoción ao obxecto de obter bos resultados nos estudos, tal e como algunhas persoas xoves puxeron no meu coñecemento.

 E non digamos aqueles que por enfermidade ou porque a vida lles sorriu, especialmente,

 na emigración, llo agradeceron á virxe do Carme de xeito moi diverso: diñeiro, ourivería, mantos, bombas… Nesta última ocasión, as flores foron as protagonistas principais como presentes da devoción. 

Persoas en fila, agardando para pasar por debaixo das andas da Virxe. Xullo 2021

 Para rematar esta xeira, só engadir que queda moito por descubrir, ou, quizais o maís significativo: quen e cando se iniciou esta tradición.As versións son variadas.Por exemplo, que se apareceu unha imaxe da Virxe debaixo dunha rocha -pena- e de aí que se levantara a capela na súa honra no lugar que na toponimia xa existiría como “A Pena da Sela”, ou se ese lugar no que se atopa o palco puidera ser un túmulo ou “mámoa”, que foi posteriormente consagrado.A data da inscrición sobre a porta principal remítenos a 1757, ademais do seu benefactor, a non ser que esta data faga referencia a unha ampliación a partir do arco central xa que hai autores que apuntan a 1557.Deixamos aquí un desafío para quen puida aportar máis luz ao respecto.

Xulio Dobarro Ferradás, 4 de xullo de 2021.

Enlace o ártigo de Xulio Dobarro publicado en badalnovas ( Premer no enlace )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela