A Xunta axuda aos concellos ourensáns a financiar os seus servizos sociais cunha achega de 2,7 millóns de euros

A Consellería de Política Social e Xuventude concede aos Concellos da provincia de Ourense 2,7 millóns euros en axudas para que financien os servizos sociais municipais. Estas achegas económicas fíxanse a través do Plan Concertado e están dirixidas á contratación de persoal, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e á posta en marcha de programas de inclusión.

A partida máis importante do Plan Concertado, máis de 2,4 millóns de euros, destínase ao cofinanciamento de 145 traballadores sociais, educadores sociais, auxiliares administrativos e outras categorías que forman parte do persoal dos servizos sociais comunitarios de 60 concellos da provincia. Este montante supón un incremento de 180.000 euros con respecto ao destinado para este fin no anterior plan e permite contratar unha persoa máis nos municipios de Xinzo de Limia, Verín, Viana do Bolo, Castro Caldelas, Avión, Laza e nas Mancomunidade de Terras de  Celanova e de Verín, así como  dúas no de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ademais, o Plan Concertado serve para a apoiar ás Corporacións municipais no desenvolvemento de programas de inclusión e o mantemento de centros de emerxencia social, para o que se reservan algo máis de 280.000 euros no caso da provincia de Ourense.

Este importe repartiuse nun total de 45 programas en 39 localidades. Estas actuacións dan prioridade ás axudas de emerxencia social, a programas de educación e apoio familiar e a iniciativas destinadas a persoas sen fogar e a persoas especialmente vulnerables.