A Concellería de Muller, Igualdade e Servizos Sociais do Carballiño xa pon en marcha dende este vindeiro domingo, 5 de xullo, o tradicional programa de bailes para maiores no Parque Municipal, unha cita coa música que non é restrictiva, senón que está aberta á participación de persoas de tódalas idades que desexen divertirse e desfrutar dunha xornada de confraternización con outros veciños e veciñas.
As sesións musicais terán lugar de 19,00 a 21,00 horas tódolos domingos a partir do próximo, 5 de xullo, e ata o 30 de agosto, agás o 9 de agosto, xa que coincide coa celebración da LXIV Festa do Pulpo no mesmo Parque carballiñés.
Coma en edicións anteriores, o lugar de celebración desta actividade lúdica será a pista de baile ubicada na zona central desta paraxe natural da Vila do Arenteiro.
A propia concelleira de Servizos Sociais, Silvia Baranda, convida a toda a veciñanza e ás persoas que nos visitan nesta tempada estival a acudir a estas veladas musicais que xa están consolidadas no panorama festeiro do Carballiño.

















