O presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas destaca no acto de apertura do XIV Congreso do colectivo o patrimonio envidiable da comarca do Ribeiro que ten fondas raíces susceptibles de investigar en moitos aspectos para divulgar e contribuir á súa conservación e posta en valor
O concelleiro de Cultura do concello do Carballiño agradece o traballo e constancia da asociación cultural carballiñesa que desenvolve unha intensa actividade cada ano e que con iniciativas como a deste congreso contribúe a que se coñezan mellor as comarcas do Carballiño e do Ribeiro
Cabanelas (O Carballiño), 2 de outubro de 2026.- Medio centenar de congresistas asisten dende este venres ao XIV Congreso do Centro de Estudios Chamoso Lamas, que se desenvolverá ate o domingo e no que haberá máis dunha trintena de ponentes que intervirán en vintecinco comunicacións, dúas conferencias e un debate, e no que terá lugar un roteiro cultural polo Ribeiro e dúas proxeccións audiovisuais.
No acto de apertura o presidente do Centro de Estudios Chamoso Lamas, Carlos Rodríguez, destacou o patrimonio envidiable do Ribeiro con fondas raíces históricas que, en moitos aspectos, requiren ser investigadas para contribuir á súa divulgación e posta en valor. Ao respecto, incidiu en que era un obxectivo fundacional do colectivo creado hai máis de trinta anos e que conta cun vagaxe formidable, con cerca dunha vintena de publicacións e unha biblioteca con máis de seis mil libros e revistas especializadas.
Asimesmo, puxo de relevo a calidade dos traballos que se presentan no congreso e que require un enorme esforzo de estudo e coordinación, polo que amosou a sua satisfacción por facelo realidade unha vez máis e tamén por contar co apoio da Universidade de Vigo e do concello do Carballiño.
O concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, referiuse o gran traballo que realiza esta asociación carballiñesa e que se plasma en iniciativas como esta que contribúe ao maior coñecemento das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, poñendo de relevo o seu patrimonio e a importancia de estudalo, conservalo e divúlgalo.
Finalmente, a profesora da Facultade de Dereito do campus universitario de Pontevedra da UVigo, Rosa Ricoy, agradeceu a concesión do crédito de vintecinco horas da Universidade de Vigo e destacou a súa importancia para atraer o interese dos estudantes universitarios, e asegurou que este congreso suscitaba moito interese non so na Universidade, senón entre investigadores de fóra, o que da realce ao congreso e ao centro d estudios.

















