Nos Itinerarios integrais contra o despoboamento rural e pola inclusión social deseñamos conxuntamente un percorrido individualizado para cada persoa que acode ó CDR O Viso. Neste caso, a poboación máis nova e con discapacidade precisa dunha estratexia metodolóxica máis complexa e prolongada para poder acadar os obxectivos propostos no Plan de Intervención.
Hoxe queremos poñer en valor as accións de intervención prelaboral, xa que proporcionamos estratexias e ferramentas para adquirir ou perfeccionar competencias persoais e profesionais necesarias para aumentar as posibilidades de atopar un emprego.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Cando falamos de itinerarios integrais, falamos da importancia de atender as persoas na súa totalidade; isto implica mudar a perspectiva profesional, pois poñemos o foco na persoa, no lugar onde vive, nas súas expectativas e nos seus intereses. Nesta ocasión, Xiana alcanzou moitos fitos co seu esforzo e motivación. Nun período de nove meses fixo a súa primeira formación en liña, inscribiuse no Servizo de Emprego, realizou un voluntariado de catro meses no Concello de Xinzo de Limia na área de Deportes e xa incorporou á súa rutina o coidado persoal no ximnasio. Ademais, consolidou un círculo de amizades co que se reúne todas as semanas para facer punto de cruz…
Queremos destacar a colaboración do Concello de Xinzo, acollendo a Xiana no Programa de Voluntariado, xa que nos catro meses de participación traballou en equipo, cumpriu coas tarefas encomendadas no Concilia de Verán e tamén na piscina. O Voluntariado foi a ferramenta para dar visibilidade as súas capacidades e para promover o sentimento de autorrealización dunha persoa con gañas de traballar e participar nas actividades da comunidade e coa comunidade.
E agora comeza o máis complexo: a procura de emprego dunha muller nova en Xinzo de Limia, neste proceso estaremos ó seu lado para acompañala no que precise para atopar o seu obxectivo.
No CDR O Viso, continuamos traballando por e para a inclusión no medio rural no marco do Programa de itinerarios integrais contra o despoboamento rural e a inclusión social concedidos a COCEDER, enmarcados no Programa Estatal de FSE+ de inclusión social, garantía infantil e loita contra a pobreza (2021ES05SFPR003). Son gratuítos, cofinanciados pola Unión Europea e a Xunta de Galicia a través do Programa Integral de Intervención Comunitaria no medio rural, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e do Imposto de Sociedades, xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade.
















