Román Rodríguez advirte que a eliminación dos exames de recuperación en secundaria pon en risco o futuro dos mozos e xera desigualdade

Alerta de que o “aprobado xeral” impulsado polo Goberno do Estado crea efectos negativos no sistema porque “desincentiva o esforzo” e baixa o nivel académico

Fronte á estratexia do Ministerio de “ante suspensos, pasalos de curso sen máis”, Galicia pon en valor os programas de reforzo para que ninguén se quede atrás, como o Plan Recupera, con 1.250 docentes de apoio, tras reducir o abandono escolar á metade unha década

AVANTAR ACTIVIDADES

O titular galego de Educación asegura que porá en marcha todos os mecanismos xurídicos para que a proposta do Ministerio non teña efecto no sistema educativo galego

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, rexeita de plano a intención do Goberno do Estado de eliminar os exames de recuperación na ESO posto que consolida o “decreto do aprobado xeral” cos conseguintes “efectos negativos” no sistema educativo na medida en que “desincentiva o esforzo e baixa o nivel de preparación do alumnado e xera desigualdade”.

Nunha visita ao instituto IES Campo de San Alberto de Noia, o representante da Xunta de Galicia asegurou que a desaparición dos exames en Secundaria e a promoción de curso “sen ningún tipo de recuperación e de xeito practicamente automático” representa “unha barbaridade e un sen sentido” tanto desde o punto de vista educativo como tamén desde a perspectiva técnica, e advirte dun “caos organizativo” nos centros porque este curso os alumnos están estudando cos currículos da anterior lei “e queren que os avaliemos cos criterios da nova lei”.

Sobre todo, o titular galego de Educación amosou a súa especial preocupación polos efectos académicos desta proposta que, ao seu xuízo, “pon en risco o futuro da mocidade, porque non é o mesmo estudar que non estudar ou aprobar que non aprobar”.

Programas de apoio

Pola contra, fronte á estratexia do Ministerio do “aprobado xeral” e “ante suspensos, pasalos de curso sen máis”, o Goberno galego aposta polo deseño de proxectos e programas educativos orientados “precisamente a recuperar e incentivar a aqueles alumnos que teñen máis dificultades, para que ninguén se quede atrás”, explicou o conselleiro.

Neste senso referiuse ao Plan Recupera -dotado con 1.250 profesores novos de reforzo, 250 máis que o curso pasado- e a que Galicia conta cunha plantilla de máis de 4.000 profesionais (entre especialistas e orientadores) cuxa función é precisamente “axudar a quen o precise e evitar que saian do sistema sen titulación”. Isto, salientou, está tendo resultados obxectivos na nosa Comunidade como a redución a metade da taxa de abandono temperá nos últimos dez anos, ou liderar rankings como PISA ao mesmo nivel que rexións europeas punteiras.

Román Rodríguez anunciou tamén que contactará coa ministra “para que non caia nos erros da súa antecesora” e advertiu que a Xunta poñerá en marcha “todos os mecanismos xurídicos” para que esta normativa impacte o mais mínimo ao sistema educativo galego.

Máis de 8M€ para o Barbanza

O conselleiro fixo estas declaracións nunha visita ao instituto IES Campo de San Alberto, na localidade coruñesa de Noia, onde comprobou o resultado das obras de rehabilitación integral que se están a piques de rematar por importe de máis de 1M€, e que se enmarcan nun investimento de máis de 8,3M€ en obras en centros educativos do Barbanza comprometidas para este ano.

Neste sentido, explicou que ademais do paquete de actuacións que se culminan este ano por importe de máis de 2M€, entre elas a do instituto noiés, este verán executáronse ou iniciáronse 31 obras en centros desta zona, cun orzamento total de case 1M€. A maiores, e xa para executar no 2022, a Xunta de Galicia compromete outro paquete de seis intervencións en centros do Barbanza, cun orzamento de case 5,4M€, das que xa están licitadas as rehabilitacións integrais do instituto IES Plurilingüe Fontexería (Muros) e do colexio CEIP Flavia (Padrón).

Aforro enerxético do 40%

Respecto da rehabilitación integral do IES Campo de San Alberto, o conselleiro explicou que esta actuación vai derivar nun aforro enerxético do 40% en consumo e emisións, na liña de busca dun centros máis sustentables, incluída tamén no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para deseñar o novo modelo de centros adaptado ás necesidades do século XXI.

Para acadar unha maior eficiencia enerxética aplicouse illamento térmico exterior tipo SATE e mudáronse portas e fiestras por unhas novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, incluíndo as persianas. Ademais colocáronse novas luminarias de alta eficiencia enerxética. A maiores, pintáronse os paramentos interiores e acometéronse diferentes traballos de albanelería e pequenas reparacións.