En reunión celebrada o pasado dia 29 de setembro a Junta Directiva da FRUGA acordou levar a cabo a IV Asemblea Nacional o próximo dia 23 de novembro, escollendo-se para a sua realización a localidade de Arzúa. En concreto o lugar onde decorreran os traballos será o Centro Social de Santa María de Arzúa. O lema que se escolleu para encadrar as nosas análises e propostas, foi : “DEFENDEMOS A TERRA”
A Asemblea decorrerá entre as 10:30 da maña, hora de chegada e acreditación das persoas asistentes e as 14:00, hora de encerramento da mesma.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Desde o nos nacemento sempre tivemos claro que o noso papel era actuar como unha asociación profesional do e para o rural galego. Tal como manifestábamos na Asemblea de constitución, a historia da Galiza dos últimos 50 anos, é a historia do abandono das actividade agrarias e a desfeita das poboacións do medio rural. Proceso que se inicia co fenómeno migratorio, primeiro a América e despois a Europa, e continuou coa entrada no, daquela denominado Mercado Común Europeo e agora Unión Europea, e a aplicación da Política Agrícola Común (PAC).
Nos últimos tempos a maiores das ameazas que xa veñen de lonxe, como as xa mencionadas, acrecentan-se outras como a pretensión, por parte do goberno galego do PP, de implantar industrias que ameazan o futuro do noso rural, da actividade agropecuaria e do monte, caso do “Proxecto Gama”, impulsado por Altri e mais a enerxética galega Greenalia, proxecto ligado intimamente coa aposta que fai a Xunta da Galiza polo monocultivo do eucalipto, ou o continuo adelgazamento dos nosos sectores produtivos como poden ser os do leite ou do bovino de carne, por non falar da ameaza, que este verao estivo de maior actualidade como foran os incendios rurais, e a falta de resposta por parte do goberno galego da Xunta da Galiza.
Todos estes asuntos serán abordados nos debates dos relatorios que centraran a nosa Asemblea Nacional, sempre partindo de que a agricultura ten de ser entendida como unha actividade esencial para a existencia da humanidade, o que torna imperativo aos poderes públicos garantir que se cubran as necesidades alimentares da sua poboación. Estamos a falar da soberanía alimentar. Soberanía alimentar que non se pode asegurar se previamente non se garanten prezos xustos para o sector produtor que lle permitan ter unha vida digna.

















