O PSdeG-PSOE de Ourense perfílase coma a única alternativa para rematar con décadas de abandono do PP

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar no Carballiño o seu Comité Provincial, máximo órgano entre congresos, no que se deu conta do traballo levado a cabo ao longo dos últimos dous meses. As e os socialistas desprazáronse ata a Vila do Orcellón para celebrar o Comité e seguir desta forma coas celebracións das súas xuntanzas ordinarias ao longo da provincia, un compromiso que adquiriu a Executiva Provincial, tras tomar posesión o pasado mes de maio.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, e o secretario de organización, Antonio González Fiuza, expuxeron polo miúdo as diferentes reunións levadas a cabo ao longo destes dous meses, nos que se percorreu a provincia e se mantivo contacto coas diferentes comarcas, constituíndo as coordinadoras comarcais e reunindo aos diferentes cargos orgánicos e políticos do partido.

As e os socialistas fixeron balance de ditas reunións cualificándoas como “moi construtivas”, xa que tal e como explican “permitíronnos ter unha primeira toma de contacto en cada comarca, coñecer a situación política de cada concello e trazar o plan de traballo para os vindeiros meses”. Neste senso poñen en valor a “importancia de percorrer a provincia, estar no territorio e escoitar aos nosos cargos e bases, na procura de reforzar o partido e comezar a deseñar a estratexia política municipio a municipio”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O secretario provincial das e dos socialistas ourensáns, Álvaro Vila Araújo, puxo en valor durante a súa intervención que o partido “xa está en marcha ca vista posta no 2027, traballando para confeccionar as mellores candidaturas, buscando candidatos e candidatas naqueles concellos nos que a día de hoxe non temos representación e pondo en marcha a maquinaria a prol de conseguir os mellores resultados posibles nas eleccións municipais”.

“Somos un partido que está máis vivo que nunca, que escoita as inquedanzas da xente, que percorre o territorio e que representa a única opción posible de cambio nunha provincia que precisa rematar coas políticas caciquís e clientelares do Partido Popular”, afirmou Vila Araújo. Asemade tamén destacou que “somos a única alternativa posible para mudar esta provincia e rematar co desleixo e abandono de décadas de goberno do PP”, aproveitando para por en valor o traballo feito, como o Plan Coperou, do que sinalou “é unha iniciativa socialista, que nos permitiu rematar coa política de cartos a dedo e que hoxe os concellos perciban maiores ingresos por parte da Deputación, cun reparto xusto e equitativo”.

Durante o Comité tamén se anunciou que nos vindeiros meses “volveremos visitar as comarcas para unha segunda rolda de contactos e coa vista posta en construír un partido máis forte, apegado ao territorio, que escoite as nosas bases e que desenvolva un proxecto estratéxico comarca a comarca”. A Executiva Provincial traballa xa para “conformar as candidaturas máis fortes e sólidas posibles de cara as eleccións municipais do 27, na que imos aumentar o número de alcaldías, lograr máis maiorías absolutas, recuperar músculo aló onde se perdeu e entrar con forza en concellos nos que a día de hoxe non temos representación”.

“Somos o partido da xente, o que está a carón da veciñanza, o que reivindica uns servizos públicos dignos e de calidade, o que loita contra o abandono e o que reclama en cada concello o que é seu e lle pertence”, destacaron as e os socialistas. “Fronte a un PP que crea desigualdades, que abandona o territorio e que só busca o poder a base de mocións de censura con tránsfugas, as e os socialistas temos un proxecto para a provincia baseado en investimentos equitativos, en escoitar a xente e en dotalos dos servizos que tanto precisan e que os populares tratan de arrebatarlles a base de desmantelamento e recortes atroces”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------